Nervo, de Rebeliom do Inframundo: «Non é doado convivir con cromañóns e neandertais que viven no Pleistoceno»
PONTEVEDRA
A banda presentará este xoves o seu novo traballo discográfico, «Orgulho»
25 feb 2026 . Actualizado a las 19:13 h.Este xoves, o novo disco de Rebeliom do Inframundo, Orgulho, verá a luz, un traballo que consideran «promete consolidar a madurez artística e política do grupo». De feito, Nervo non oculta as moitas gañas que senten «de mostralo, de tocalo en directo tamén. En principio, de momento, o que imos facer é presentalo en Barcelona, País Vasco e Madrid. En Galiza vai ser en sala nunha data única, o 8 de maio na Sala Capitol. Despois virán máis cousas. A única sala na Galiza que imos facer no 2026 é na Capitol, que creo que é importante remarcalo porque, ao final, un concerto en sala é moito máis longo, máis persoal».
—«Orgulho» segue a senda que xa marcabades nos anteriores traballos discográficos, non si?
—Si. Sobre todo, neste disco notase moita autocrítica, tamén moita crítica social, porque estamos vivindo nuns momentos, nuns tempos moi convulsos, mais con este suposto, vamos a dicir, non apoxeo, porque non é un apoxeo, é moito clickbait, pero desta suposta posta en escena da ultradereita... estas garruladas que estamos escoitando, racistadas, machistadas... É normal que nos queixemos. E tamén pola sociedade na que estamos vivindo, que cada vez imos máis rápido, con menos tempo para un mesmo e para unha mesma, e, ao final, estamos petando todos por culpa dun sistema que non dá para máis.
—Hai que parar para reflexionar e tomarse as cousas con calma.
—Efectivamente, porque senón vainos dar a todos un pelucazo.
—Antes aludía á xira, vai ser longa?
—Iso nunca se sabe. De momento, as datas do 2026 van a ser esas, aínda que seguramente haberá máis cousas. O disco inda remata de saír, polo que, mínimo, faremos xira de dous ou tres anos con este traballo e sacaremos máis cousas, imaxino, pero é adiantar acontecementos. Vamos paso a paso, concerto a concerto, desfrutando e, sobre todo, dándoo todo.
—Que influencias percíbense en «Orgulho»?
—Hai influencias de todo tipo. A nivel musical, é moi variado. Ten influencias de mil estilos, dende a electrónica ao rock, o punk, o folk e, evidentemente, ao rap. Despois, a nivel conceptual, é un disco que mostra o orgullo por ser quen somos, por as nosas devanceiras e devanceiros, que loitaron infinito, pola nosa terra, pola nosa cultura, por nós mesmos que levamos traballado moito nisto e non paramos.
—Falando de tradición, ata que punto puido influír a regueifa no rap galego?
—A regueifa como tal no rap, se te son sincero, non influíu nada. O rap, ao final, é un estilo de música que ven de Estados Unidos. A regueifa podería ter que ver co freestyle, pero é que non naceu da regueifa. Ten similitudes coa regueifa porque, ao final, é improvisar, pero non é que nacera de aí. Si que nós temos moita influencia da música tradicional, por exemplo, pero porque a vivimos todos os fin de semana, porque moitos de nós cantamos na taberna... pero a regueifa, como tal, non influíu no rap.
—É complicado ser antifascista nos tempos que vivimos?
—É complicado sempre ser antifascista e é moi doado, porque, ao final, para nós ter dous dedos de fronte é ser antifascista, é crer na igualdade das persoas, na igualdade social, e ir en contra de xente que non cre na igualdade. Entón, realmente ser antifascista é moi doado. O que non é doado é convivir con cromañóns e neandertais que viven no Pleistoceno. Iso é o que non é doado.
—Volvendo a «Orgulho», que foi o máis complexo deste disco?
—O máis complexo foi dar un paso importante que dúas persoas do grupo dimos, neste caso eu e Frank, que foi deixar o noso traballo e meternos de pleno a crear este disco. Cada vez levamos as cousas con máis mimo, con máis coidado, máis delicadeza, máis tempo... o tempo ao final é todo. E máis presión tamén, por outro lado. E queríamos facelo ben. O circuíto da Galiza aínda non está ao nivel do circuíto catalán ou vasco a nivel de concertos, porque, ao non ter apoio institucional ou moi pouco apoio institucional, é moi complicado ter corenta ou cincuenta concertos. Tíñamos os nosos trabalos a nivel particular, pero Frank e eu decidimos deixar os traballos e meternos de pleno para crear este disco. Senón ía ser moi complicado poder expresar o que queríamos expresar, poder adicar o mimo que realmente tanto nós nos merecemos como a xente que nos segue se merece.