Lectura colectiva de «Follas novas» e «Cantares gallegos» para conmemorar o Día de Rosalía

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

A cita será o 23 de febreiro na sede da Fundación Manuel Moldes

13 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

No marco do Día de Rosalía, o Concello de Pontevedra e a Fundación Manuel Moldes impulsan o vindeiro 23 de febreiro ás (19.00 horas) na sede desta institución «unha lectura de Follas novas e Cantares gallegos, cos que Rosalía de Castro inaugurou a literatura galega contemporánea. Demostrou que a lingua galega era válida para escribir sobre calquera tema, en prosa e máis en verso e facelo desde a perspectiva da voz das mulleres», apuntou o edil de Cultura, Demetrio Gómez. quen agradeceu as colaboracións que farán posible este evento: «En primeiro lugar, a Fundación Moldes, que acollerá a lectura de poemas na súa sede de Javier Puig. Tamén estará presente AELG, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega».

De feito, a autora Alicia Fernández Rodríguez «será a mantedora do acto e lerá o manifesto da AELG, que este ano redactou Eva Veiga a partir do lema escollido pola RAG para este 2026: Mais eles tamén perdidos, un verso de Follas novas. Un manifesto espectacular a partir destes versos de Rosalía, explicando a situación do mundo actual para que vexamos como Rosalía está de completa actualidade».

Tamén destacou a participación de ALTAR, o CMUS Manuel Quiroga, que «leva feito traballo espectacular de recuperación de música galega de cámara do século XIX, música contemporánea de Rosalía de Castro que vai interpretar alí un quinteto formado por docentes».

Na presentación desta lectura colectiva o concello fixo un chamamento á veciñanza para acudir ao evento e participar de xeito activo da lectura. Para elo deberán escoller a través do formulario dispoñible en apuntate.pontevedra.gal un fragmento da obra da poeta. O cartaz desta cita conta cunha ilustración que Belén Diz creou para a mostra de Normalización Lingüística, Rosalía coma ti.