A Deputación de Pontevedra destina 900.000 euros para festivais musicais, de artes escénicas e +Música

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Luis López destacou o compromiso do organismo provincial por «seguir avanzando na difusión e promoción da cultura, contribuíndo a que chegue a toda a nosa veciñanza»

06 feb 2026 . Actualizado a las 17:54 h.

Tras a celebración da xunta de goberno provincial, o presidente da Deputación de Pontevedra confirmou a aprobación dunha serie de liñas de axudas e programas dotados con 900.000 euros para «seguir avanzando na difusión e promoción da cultura, contribuíndo a que chegue a toda a nosa veciñanza». Deste xeito, 200.000 euros, trinta mil máis que no 2025, dirixiranse ao desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas, mentres que 700.000 euros recaerán no +Música.

A través de este último programa, os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán solicitar ata tres espectáculos, seleccionando por orde de preferencia entre a oferta disposta no catálogo existente na web do organismo provincial. Estes espectáculos deberán desenvolverse entre o 15 de abril e o 31 de decembro, de tal xeito que a Deputación cubrirá o 100 % do caché, mentres que os concellos aboarán os gastos de produción das actuacións.

No que respecta aos festivais musicais e de artes escénicas, estas consisten en dúas liñas. Por unha banda, destínase unha partida de 150.000 euros dirixida a festivais musicais, sempre que se celebren este ano, nun mínimo de dúas xornadas e con oito grupos, dos que catro serán galegos. Por outra, aprobáronse 50.000 euros para a festivais de artes que se celebren en dúas xornadas, con oito compañías, catro de elas de Galicia.