Julio Torrado: «Quero volver aburrirme coa política, co debate útil, profundo e sosegado»
PONTEVEDRA
O socialista presentará o seu novo ensaio «Tiro libre» o vindeiro venres no auditorio vilagarcián, un libro no que une as súas dúas facetas: o político e o amante do deporte
15 dic 2025 . Actualizado a las 19:27 h.Julio Torrado leva toda a vida respirando política e gozando do deporte. Traballando como psicólogo deportivo, pero exercendo tamén como deputado autonómico polo PSdeG, escano que perdeu nas eleccións do 2024. O vilagarcián decidiu unir ambas paixóns nun ensaio co título Tiro Libre, que presentará o vindeiro venres ás sete e media na sala de conferencias do auditorio da cidade que o veu medrar. Xunto a el estarán o alcalde Alberto Varela —«o meu medio irmán»—, a concelleira de Cultura Sonia Outón e o ex dirixente socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga.
—Estamos ante un libro de política ou de deporte?
—É un libro divulgativo sobre a política que emprega o deporte como metáfora. O deporte é unha ferramenta tremendamente útil para transmitir ideas, a miúdo máis que a política.
—Presentan paralelismos?
—Ambos son expresións do comportamento humano. En ambos campos un aprende que ten que traballar moito e de maneira moi gris en fases que a xente non ve, adestrar moito, nutrirte de coñecemento, e logo, en momentos concretos, exhibirte diante de todo o público, someterte ao seu escrutinio. Obrigan a afrontar vitorias, derrotas, resultados que nun principio consideras inxustos, aos que logo sempre acabas atopando explicación. Afrontar responsabilidades individuais e sacrifiios polo ben colectivo do partido. E como as persoas que os practican, ambos son imperfectos e poden producirse erros.
—Non se ten en conta ese traballo gris?
—Xulgamos, e isto é humano, con excesiva visceralidade e actualidade. Boa parte do xornalismo deportivo vai ao anecdótico, ao fugaz. Na política espectáculo actual, igual. Apenas existe reflexión, xa non é ben vista a política aburrida, a que esixe coñecemento e ponderación. Tamén o deporte necesita o seu tempo. Hoxe en día todo o mundo asegura saber de deporte, pero non é así, fáltalles moita información do fondo. En cambio, moitos din non entender de política, pero todo o mundo sabe ben o modelo de país que quere.
—Quen é responsable desa visceralidade?
—Non hai un so. Os partidos alimentan esa inmediatez, conscientes de que a polarización mobiliza, aínda que non sei canto tempo seguirá sendo así. Eu mesmo pequei disto. Pero os medios de comunicación tamén o alimentan, e o cidadán de a pé consúmeo. Alguén ten que romper ese círculo, e na miña opinión debería facerse dende a política, pero o que primeiro o faga vai perder moito. En calquera caso, eu quero volver aburrirme coa política. Que a política volva ser dominada polo debate complexo e sosegado. Non tódolos días apetece ler sobre a estrutura económica do sistema de pensións do Estado, pero será iso o que decida se ti e eu gozaremos dunha prestación o día de mañá.
—O que vén detrás tamén vén viciado?
—A pesar de todo, eu son optimista coa xente que vén detrás e coa política autonómica. Galicia pode cambiar.
—Como será presentar o libro en Vilagarcía?
—Moita xente recoñecerase nas reflexións e ten algo de exhibirse. Pero a min iso gústame. Confío en que sexa un espazo de debate.