Óscar Ibáñez: «Cantei sempre desde pequeno. É algo que non explotara artisticamente (...) e, de feito, vamos ter a oportunidade aquí en Pontevedra de facer algo nesa liña»
PONTEVEDRA
O pontevedrés pechará no Teatro Principal a edición deste ano do Culturgal e a súa xira dos vinte anos de carreira
26 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Se Uxía será a encargada de prender os fastos do Culturgal, Óscar Ibáñez & Tribo serán os encargados de poñer o broche o 30 de novembro dende o Teatro Principal (20.30 h.) cun concerto que, non só vai pechar a feira das industrias culturais galegas, senón que tamén vai pechar a xira do músico de Poio. «Vai ser un concerto superespecial, emotivo. Por moitas razóns. A primeira, porque vai ser en Pontevedra, a nosa vila. E despois, xustamente por estas dúas condicións: A clausura do Culturgal, que para min é algo moi importante, é un plus estar aí, e é o concerto co que finalizamos a xira do vinte aniversario, a Xira Tribal, despois de vinte e cinco concertos ao longo do ano, que dentro da nosa música é un número máis que considerable», remarca Óscar Ibáñez aludindo a un espectáculo que conta co apoio de Agadic, Concello e Deputación.
A escasos días do concerto, o gaiteiro pontevedrés confesa que haberá sorpresas. Polo de pronto está anunciada a presenza de Rober Calvo, artista de Pontevedra co que «preparei un tema que non ten demasiado que ver ou nada que ver, unha licenza que me tomo para achegarme a outros estilos, máis na súa liña pop rock. É moi interesante esa colaboración para explorar outros camiños», pero tamén de Montse Ogando, que xa estivo na actuación das festas de A Peregrina, Andrés Vilán, «que somos compañeiros e amigos dende os 13 anos», e a Agrupación Folclórica Celme, «non a agrupación íntegra, pero si un par de parellas para aportar tamén danza ao espectáculo».
Con este concerto Óscar Ibáñez percorrerá algúns dos seus temas máis recoñecidos, pero tamén apostará por introducir novidades e estrear algunha composición nova. Tal e como el mesmo recoñece, «xa estamos traballando no novo traballo discográfico» con miras no 2026.
Con respecto a este disco, Ibáñez ten claro que seguirá a mesma liña que os anteriores, «penso que vai ser un traballo continuísta. Gústanme cousas que escoito doutros artistas, pero creo que vaiamos todos pola mesma senda non xera un interese ou unha particularidade. A distinción pode ser un valor, unha marca persoal. En vez de subirnos ao Folctronic ou ao Electrofolc, vamos a seguir nesta senda acústica de instrumentos tocados ao natural e nos directos ao 100 % ao vivo». Recoñece, en todo caso, que o gusanillo de probar novos campos está moi presente, pero o limita a unha anécdota, «non como liña».
Non obstante, unha das novidades que pode traer o novo ano é a posibilidade de que o pontevedrés cante algúns temas en directo: «Cantei sempre desde pequeno nas agrupacións folclóricas, incluso, levei grupos de pandeireteiras. É algo que non explotara artisticamente, pero que si o estou introducindo e, de feito, vamos ter a oportunidade aquí en Pontevedra de facer algo nesa liña, que non o fixen na Peregrina. Pode ser chamativo respecto a quen me coñeza só como gaiteiro».
Os afeccionados á música poderán gozar dun petisco de Óscar Ibáñez o sábado, 29 de novembro, dende o stand da Deputación cun microconcerto (18.30 h.) de entre 20 ou 25 minutos nunha formación de cuarteto en acústico e sen un só micro. «Estes inicios vocais, sobre todo, van a estar aí o sábado, un pouco para ver as reaccións, para ver ao público, a resposta. Penso que a parte vocal sempre xera unha conexión co público maior. Dentro do que é a música instrumental, levamos un repertorio bastante variado en ritmos, en estéticas e que non se fai monótono, pero si que cando tes unha voz, tes un texto e tes unha letra, hai unha conexión máis doada co público. En calquera banda, cando entra o vocalista eclipsa aos demais instrumentistas. Todas as miradas están na voz».
Ademais do novo disco, no 2026 haberá nova xira de Óscar Ibáñez & Tribo, na que xa están a traballar e, de feito, xa teñen algúns convites de carácter internacional coa idea de «explorar novos países».
«Metabiosis» transforma o recinto nunha selva de refugallo
Co nome de Metabiosis, o colectivo Luscofusco acudirá a Culturgal en representación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Deste xeito, catro artistas emerxentes reflexionan sobre o consumo e a identidade a través de materiais reciclados recreando un ecosistema ou selva a partir de materiais de refugallo co obxectivo de invitar á reflexión sobre os ciclos de consumo e a identidade no mundo contemporáneo.
Comisariada por Dana Latorraca Población e Pablo Martínez Romero, en nome do colectivo Luscofusco e de Belas Artes, reúne o traballo de Diosbett Montero, Sheila Parcero, Ramiro Agulla y Cristina Rus: «Cada un explora resultados formáis distintos, mais súas obras converxen nun discurso común sobre a natureza dos medios e o ciclo de vida dos materiais», destacaron ao respecto.
Así, Metabiosis é unha exposición que «transforma o espazo expositivo nun hábitat construído con materiais que perderon a súa función orixinal ou súa vida útil, de tal modo que «a instalación, que fusiona elementos orgánicos e sintéticos, propón un diálogo sobre o consumo, os finais impostos aos obxectos e a busca da identidade».
A forza creativa de Pontevedra mostra músculo nesta edición
Con máis de 225 actividades programadas e a participación duns 750 artistas das diferentes disciplinas, destaca o forte protagonismo da fora creativa que ten a súa orixe na provincia de Pontevedra. Xa non só se trata de que Uxía, nada en Mos, protagonice o concerto de benvida este xoves ou que o gaiteiro Óscar Ibáñez, de Poio, faga o propio co espectáculo de peche do Culturgal o domingo dende o Teatro Principal, senón que son múltiples as propostas programadas.
Así, contarase co Museo de Videoxogo de Cangas, a Editorial Almacen de Fábulas (Cambados), Retranca Editora (Pontevedra) ou e a Fundación Xoán Piñeiro (Tomiño), pero tamén o poeta Samuel Merino, poeta (Mos), o escritor e editor Daniel Chapela (Bueu), os actores Santiago Cortegoso (Moaña) e David Amor (Salceda de Caselas), o esritor Diego Giraldez (O Porriño), o debuxante e editor Kiko da Silva (Pontevedra), as poetas Andrea Maneiro (Vilagarcía) e Miriam Ferradáns, poeta (Bueu), a actriz Mónica Camaño (Cangas) ou a debuxante Emma Ríos (Vilagarcía).
De igual modo, e entre outras moitas firmas e profesionais, tamén acudirán a Libraría Paz de Pontevedra, a marca de deseño Afouta, o guionista Samuel Lema, o actor Carlos Blanco ou a xornalista Susana Pedreira.