Rexina Vega acada o Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

PONTEVEDRA

Rexina Vega recibe o Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego
Rexina Vega recibe o Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego ADRIÁN BAÚLDE

«Conta momentos duros, momentos que tarde ou cedo acaban chegando a cada vida, pero teimamos por agochar», sinalou a gañadora sobre o seu artigo

23 oct 2025 . Actualizado a las 17:39 h.

Rexina Vega co seu artigo «Aínda aprendo», publicado o 1 de xaneiro de 2024 en Tempos Novos, acaba de recibir na sede de Afundación en Pontevedra o XXII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. Acompañaron á galardonada, ademais das outras dúas finalistas, Alba Moledo Ucha e Carmen Villar Alonso, obsequiadas con dous mil euros cada unha, o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; e as persoas integrantes do xurado: Víctor Freixanes, presidente; Fina Casalderrey, vogal; Diego Ameixeiras, vogal; Gloria Rodríguez López, vogal; Xosé Carlos Caneiro, vogal; e Carlos Valle, secretario. 

Na súa intervención, Rexina Vega, tras agradecer a concesión do premio, amosouse consciente del «grao de azar que ten sempre un premio. Conseguir chegar a ser a premiada é un azar fermosísimo, pero un azar».

Non se esqueceu da labor de Afundación por «crear e manter una premio coma este, un premio importante que afonda na memoria dunha das figuras máis importantes da literatura galega, nuns tempos tan convulsos coma os actuais. Dignificar o uso dunha lingua, poñer en valor o espazo da comunicación, salvar o pouso literario que o xornalismo literario deita sobre o presente é unha tarefa importante, necesaria, urxente», engadiu aludindo ao feito de que o seu artigo «conta momentos duros, momentos que tarde ou cedo acaban chegando a cada vida, pero teimamos por agochar. A finalidade do texto era calmar a imaxinación, non incitala, é dicir, desposuír de relato unha palabra: o cancro, marcada polo tabú e mais polo medo».

Pola súa banda, Pedro Otero Espinar insistir en que «con cada edición deste galardón que convocamos, contribuímos a dinamizar o panorama cultural de Galicia, e iso, para nós, significa materializar un dos nosos compromisos estratéxicos, un desafío especialmente esixente dada a conxuntura de recoñecemento que estamos a vivir na última década, na que a produción narrativa, poética, ensaística, dramática, investigadora e xornalística de Galicia está recibindo os máis distinguidos galardóns no conxunto de España». 

Na súa alocución trasladou os «parabéns por esta distinción ás tres persoas finalistas, porque a concorrencia tan constante a este certame reflicte o interese por unha prensa de calidade e en galego, que, da man dos novos e experimentados valores das nosas letras, procura satisfacer as demandas esixentes da sociedade». 

Víctor Freixanes, como presidente do xurado, resaltou o compromiso de Afundación coa cultura acentuando a participación «de traballos moi intensos e dunha exquisita calidade na escrita. En nome do xurado, grazas a Afundación, que promove e mantén este premio e que ademais o dotou de máis recursos económicos. Nestes tempos de confusión e caos, de desesperanza, onde está o fenómeno do sufrimento do pobo Palestino, pero tamén do pobo ucraíno, e outros moitos pobos dos que non se fala e que están aí, onde todo arde no día e ao día seguinte parece que xa non é noticia, estes tres artigos están cheos de esperanza».

Con respecto aos artigos finalistas, apuntou que «o de Carmen ten raíces na terra como algo que nos sostén e que lle dá sentido á vida; no de Alba, eses gromos que milagrosamente aparecen na planta; e o de Rexina pois porque escenifica que estamos aquí, que seguimos aquí, e que entre todos podemos seguir adiante. Esta esperanza e esta ilusión é algo que a todo o xurado nos gratificou. É un privilexio que Afundación dinamice un premio tan necesario coma este. Moitas grazas á Obra Social Abanca».