A compañía Xanpatito Pato porá en escena a obra «Compaña» na xornada inaugural
12 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cunha proposta que mestura teatro e circo, este 12 de outubro botará a andar unha nova edición de Domingos do Principal, o ciclo de artes escénicas especificamente dirixido a cativada e as súas familias. Esta iniciativa, en palabras do edil de Cultura, Demetrio Gómez, é toda «unha proposta cultural para o público máis especial e esixente que temos aquí en Pontevedra, que é a cativada. Un programa que fixo con moito traballo Teatro Akatro, con moitísima calidade e variedade, xa que poderemos gozar con pezas de circo teatro, teatro de actor, de máscaras, comedia musical e clown».
No caso da xornada inaugural, Domingos do Principal apostou por la compañía Xanpatito Pato e a súa obra Compaña, coa que relatan a historia dun «personaxe solitario en busca de compaña explora a imaxinación do público para dar vida a cada un dos seus pensamentos. Este proceso faino sentir en compañía e abre un camiño cheo de sorpresas e risos».
Con dúas funcións programadas, ás 12 e ás 18.30 horas, Compaña ofrece «un espectáculo no que o teatro de monicreques e o mundo do circo se entretecen nunha fermosa historia onde todas as engrenaxes xiran á perfección creando un mundo surrealista e onírico nun relato sen palabras».
Resto da programación
En total nesta edición desenvolveranse media ducia de obras, de tal xeito que o 19 de outubro Producións Excéntricas porá en escena no Teatro Principal de Pontevedra a obra Monstros, proposta que reflexiona sobre aquilo que se considera monstruoso, mentres que unha semana máis tarde tocaralle a quenda a compañía murciana Onírica Mecánica con Verne, toda «unha invitación a sobrevoarmos o universo das novelas de aventuras creadas por Jules Verne».
Xa no mes de novembro, o 9, Piscore levará ao Principal a súa peza Molto Barroco, toda unha «reivindicación das composicións musicais barrocas desde o teatro». Pola súa banda, o 16 deste mesmo mes, Teatro dos Ghazafelhos aposta por Ándale, bon appêtit!, unha reposición da súa exitosa obra Bon appêtit, de tal xeito que os chefs Felipe, Antonio e Francisco prepararán deliciosos pratos mexicanos facendo un pequeno repaso pola historia do país.
Domingos do Principal botará o pano o 23 de novembro da man de Marie de Jong (Euskadi) e a súa multipremiada peza Mr. Bo.