O acto celebrouse no edificio administrativo da Xunta en Campolongo
20 may 2025 . Actualizado a las 17:57 h.O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e o xerente da área sanitaria, José Flores, participaron este martes no acto de homenaxe ao persoal do Sergas xubilado no 2024 en Pontevedra e O Salnés. Neste tradicional evento recoñeceuse o labor e a traxectoria exemplar dos 123 profesionais que culminaron a súa carreira laboral durante o ano pasado. O xerente do Servizo Galego de Saúde destacou «a dedicación, a humanidade e a proximidade» deste conxunto de profesionais que, coa súa unha entrega e sacrificio contribuíron a mellorar a rede sanitaria.
Pola súa banda, José Flores subliñou o «encomiable legado vital e profesional» dos traballadores hoxe homenaxeados, agradecendo o traballo desenvolvido durante estes anos. Chamou a estes profesionais para que, independentemente da súa xubilación coma persoal activo, non se afasten dunha institución da que sempre formarán parte.
O conxunto dos profesionais xubilados desempeñaron a meirande parte da súa vida laboral no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, no Hospital Público do Salnés e nos centros de atención primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Ademais da tradicional entrega de obsequios e agasallos, os profesionais homenaxeados recibiron unha tarxeta dourada que lles identifica como persoal xubilado da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e que, segundo expresaron as autoridades asistentes, corrobora que este colectivo continúa a ser unha importante parte deste servizo sanitario público e que, como tal, será sempre recoñecido.
A cerimonia continuou coa lectura de honra dos nomes da totalidade de profesionais xubilados e as intervención, en representación dos colectivos xubilados, da enfermeira Montserrat Bas e do médico do servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra Julio Diz.
Así, durante as súas intervencións ambos os profesionais rememoraron un conxunto de vivencias coas que se cimentou na comarca de Pontevedra e O Salnés un servizo público de calidade que, actualmente, continúa en permanente avance cara ao futuro, con novos retos e compromisos que teñen por obxectivo optimizar o sistema sanitario galego.
O acto de homenaxe pechou coa actuación da Coral Polifónica O Chopo e a realización dunha foto grupal, efectuada nos espazos exteriores do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra.