O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra máis cinematográfico programa máis de 300 actividades 

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

ADRIÁN BAÚLDE

As actividades para cativada de entre 0 e 4 anos incrementaranse, como tamén o farán as destinadas ao público adulto

12 mar 2025 . Actualizado a las 16:50 h.

Nunha cidade que é sede dos Premios Feroz, o cine non podía faltar no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. De tal xeito, O cine. Luces, cámara, acción... Que vén o salón é o lema dunha cita que se desenvolverá do 21 de marzo ao 6 de abril programando máis de trescentas actividades para público escolar, infantil e familiar, e tamén adulto, e na que Francia é o país convidado.

Dende as cinco da tarde deste martes, 11 de marzo, está operativa a web www.salondolibro.gal co programa e o prazo de inscrición aberto para aquelas actividades que así o requiren. Tamén para os espectáculos con venda de entradas previa en Ataquilla.com.

ADRIÁN BAÚLDE

Nesta vinte e seis edición apostouse por un evento máis accesible e inclusivo coa implementación de, entre outras medidas, a lingua de signos nos espectáculos de inauguración e clausura que terán lugar no Pazo da Cultura, onde habilitaranse novos espazos destinados a persoas en cadeiras de rodas e acompañantes. Ademais, haberá información e libros en braille, pictogramas, auriculares de redución de ruído, un espazo tranquilo e sala de lactación.

Segundo expuxo o concelleiro Demetrio Gómez, quen estivo acompañado por Orbil, os centros escolares gozarán de preto de 150 actividades polas mañás, mentres que nunha cifra similar estarán destinadas para público infantil e familiar durante as tardes e fins de semana.

Danzas bretonas

Como en anos anteriores, programáronse premieres e espectáculos exclusivos. De igual xeito, e atendendo á especial demanda, as actividades para cativada de entre 0 e 4 anos incrementaranse, como tamén o farán as destinadas ao público adulto «con faladoiros vip, Soirée de poésie, obradoiro de danzas bretoas que tomarán as librarías, O Mercado, Verbena Bar ou o Pazo de Mugartegui», indicaron ao respecto.

ADRIÁN BAÚLDE

E, coincidindo co Día do Libro Infantil, o Salón acollerá o 2 de abril o fallo dos Premios Lazarillo, que por primeira vez sae fóra do circuíto Madrid-Barcelona.