Os dez finalistas de «Bótalle un conto» cítanse no Teatro Principal de Pontevedra

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CONCELLO DE PONTEVEDRA

En total, participaron cincuenta persoas, 45 mulleres e 5 homes, de entre 27 e 93 anos

26 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os dez finalistas de Bótalle un conto enfrontaranse esta tarde, a partires das 19 horas, no escenario do Teatro Principal. Como en edicións anteriores, a entrada será de balde até completar a cabida do mesmo.

Deste xeito, o programa impulsado polo Concello de Pontevedra chega ao seu fin logo de once días de gravacións polos distintos centros sociais das parroquias e da cidade. En total, participaron cincuenta persoas, 45 mulleres e 5 homes, de entre 27 e 93 anos.

Os finalistas, pola súa banda, teñen entre 42 e 88 anos, e proceden de Santa María de Xeve, Verducido, Salcedo, Cerponzóns, Ponte Sampaio, Bora, Mourente, Marcón e o centro da cidade. Todos eles «contarán historias de vida, anécdotas e temas diversos» nunha gala que estará conducida por Mar García Vendrell e José Pintos Alsina. Ademais, contarase coa colaboración de Celso Fernández Sanmartín.

Dende o Concello destacaron o feito de que Bótalle un conto naceu no 2022 como un certame de contos orais relatados por persoas non profesionais. Esta iniciativa de normalización lingüística «busca prestixiar e facer visibles as persoas galegofalantes de Pontevedra, promover a participación interxeracional e a cohesión entre os distintos territorios do concello, poñer en valor os nosos trazos dialectais, visibilizar a variedade e a viveza das falas pontevedresas e mostrar a habilidade para emocionar e engaiolar desde a nosa lingua», engadiron ao respecto.

Deste xeito, esta iniciativa «incide no uso do idioma e na percepción da utilidade da lingua tanto das persoas que participan contando como do público que asiste, xa que apodera as falas locais».