La Quinkillada e Festicultores, primeiras confirmacións do Armadiña Rock de Combarro

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

PONTEVEDRA

Sandra Alonso

A organización do festival aposta polo crowdfunding para financiar esta cita que se desenvolverá do 26 ao 28 de xullo

22 may 2024 . Actualizado a las 10:27 h.

Despois de non celebrarse o pasado ano, o Festival Armadiña Rock de Combarro decidiu reiventarse de cara á que será a súa quince edición presentando un cartaz integramente en galego. De feito, xa se coñecen as dúas primeiras confirmacións, as bandas La Quinkillada, que volven ao festival, e Festicultores, na que será a súa primeira actuación na vila de Poio.

Dende a organización precisaron que o formato do festival «sufrirá uns pequenos cambios, debido a diferentes coios que nos atopamos no camiño durante estes últimos meses». Así, aluden a que, «aínda que o Concello de Poio continua a colaborar con nós, a decisión que tomaron da retirada do patrocinio principal e da saída da Festa do Mar afectounos negativamente á hora de continuar co formato ao que estábamos adoitadas», circunstancia que explica que se optase por trasladar as datas ao mes de xullo, concretamente do 26 ao 28.

Precisaron, neste sentido, que se manterán as actuacións de sábado e domingo, mais o venres sufrirá unha redución na súa programación, «pois ben sabedes o que custa financiar un festival deste calibre». Esa primeira data, e co obxectivo de «sacarlle toda a parte positiva aos coios que nos estamos atopando», celebraran a volta ás súas orixes con tres grandes actuacións, «que nos farán establecer un contacto man a man con todas as festivaleiras que estabades agardando a nosa volta».

Conscientes do que implica «seguir sendo un dos maiores festivais gratuítos referentes de toda Galiza», a Asociación Armadiña confirmou que apostará este ano por implementar un sistema de crowdfunding ou micromecenazgo para recadar os fondos que fagan posible o festival. A información relativa a esta iniciativa coñecerase en vindeiras semanas.

En todo caso, dende a ACDeM Armadiña quixeron agradecer ás bandas e produtoras participantes desta edición «por arrimar o ombreiro, sen vós non poderíamos ter o cartelazo que presentaremos este ano». De igual xeito, fixérono extensible ás empresas de Poio e aos patrocinadores e colaboradores, «por un apoio imprescindible que este ano o será aínda máis», así como aos socios e voluntarios, pero tamén «á nosa veciñanza, que sabendo o que supón ter nunha fin de semana 25.000 persoas na nosa vila, demostran un apoio incansable cara a asociación».