Reparto de balde de publicacións no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Será este domingo enmarcado na celebración do Día Internacional do Libro

21 abr 2023 . Actualizado a las 19:02 h.

Con ocasión do Día Internacional do Libro, o Museo de Pontevedra desenvolverá unha serie de actividades ao longo de toda a fin de semana. Así, o sábado, entre as 10 e as 13 horas, o Edificio Castelao acollerá un obradoiro aberto dirixido por Eulogio Rosales e Silvia López para elaborar papel artesanal con papel reciclado e fibras naturais, como algodón, liño, bambú... para «estampar marcapáxinas con gravados orixinais deseñados para este obradoiro e inspirados nas obras de grandes artistas galegos como Castelao e Luis Seoane».

Pola súa banda, o mesmo 23 de abril, de 11 a 14 horas, obsequiarase con publicacións editadas polo Museo de Pontevedra, tales como catálogos de exposicións e libros de arte, arqueoloxía e outras materias, a todas as persoas que se acheguen ao Edificio Castelao.

En paralelo, pero tamén co gallo do Día do Libro, o departamento da Biblioteca do Arquivo provincial actualizou o acceso ao boletín de novidades que conta cunha información básica das publicacións e «o acceso directo ás correspondentes fichas bibliográficas en Atopo cos datos completos e as condicións de acceso e dispoñibilidade. Nesta ocasión inclúe un total de 77 novos títulos relacionados na súa practica totalidade co ámbito galego e nunha alta porcentaxe (máis do 76%) coa provincia de Pontevedra. Dende o punto de vista da lingua, 69 están en galego e 8 en castelán», engadiron dende o Museo de Pontevedra.