O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra programa máis de 300 actividades

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Imaxe de arquivo
Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Imaxe de arquivo Ramón Leiro

O Pazo da Cultura acollerá o evento do 21 de abril ao 7 de maio

13 abr 2023 . Actualizado a las 19:22 h.

Está todo listo para unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que abrirá as súas portas en algo máis dunha semana. A concelleira de Cultura, Carme Fouces (BNG), acompañada da mascota do evento, Orbil, presentou este xoves a programación, que inclúe máis de 300 actividades que terán lugar do 21 de abril ao 7 de maio para achegar o libro e o xogo a cativada. «Estamos moi contentas de abrir o Salón en todo o seu esplendor logo destes anos raros. Estamos xa ambientando os espazos e penso que vai ser un lugar máxico para xogar e ler», sinalou Fouces.

Nun ano no que O Salón está adicado a Os libros para xogar, o programa «vai explorar a dimensión máis lúdica da literatura con máis de 300 actividades e demostrar que ler é divertido e o xogo, unha peza moi importante do desenvolvemento cognitivo», apuntou a concelleira. O programa completo xa está dispoñible na web do Salón (www.salondolibro.gal) e tamén a reserva de prazas para actividades de balde e en Ataquilla, a venda de entradas para os espectáculos de pago.

Fouces salientou que «venres, sábados e domingos serán os días máis cargados de programación, xa que entendemos que é cando as familias poden acudir con máis facilidade ao Salón, o luns 1 e o martes 2 de maio ao ser festivos serán tratados como fin de semana con programación cargada, así que imos ter 4 días moi intensos seguidos. Tamén do 23 de abril Día do Libro contaremos con horario especial, continuado. Non pechamos a mediodía e faremos a troca de libros e programación especial».

A intensa programación inclúe presentación de libros, contacontos, teatro, poesía, música, obradoiros... e tamén 13 exposicións, todas elas no Pazo agás a que estará no Museo, Había outra vez.

Fouces lembrou por último que a Orbil Parade xa está pola cidade, co seu mapa de ubicacións para que a cativada xogue a localizar as estatuas da mascota do Salón.