Susana Villaverde, gañadora do Microteatro da Memoria: «'Espigas negras' xurdiu dunha comuñón entre o íntimo e o documental»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

«Para falar de memoria á mocidade ten que falar a propia mocidade», destacou a deputada María Ortega

20 mar 2023 . Actualizado a las 17:16 h.

«Espigas negras é unha peza que xurdiu dunha comuñón entre o íntimo e o documental abordando un pouco a historia destas mulleres do Saviñao que en 1946 enfrontáronse ao réxime franquista intentando frear a saída dun camión cheo de gran de millo do pobo. Eran os duros anos do racionamento». Con estas palabras, Susana Villaverde García recolleu onte o premio como gañadora do terceiro Certame de Microteatro de Memoria que organiza a Deputación de Pontevedra e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg).

Destacou que esta peza naceu «para e por a miña avoa. Vivía nunha aldea preto de Lalín, Prado, e alí a súa nai tiña unha panadería. A miña avoa naceu no ano 36 polo que viviu os anos da posguerra e nesta panadería tiñan que cocer polas noites, porque non chegaba, e darlle parte dese pan á Garda Civil para que non as denunciara, porque a Garda Civil tamén morría de fame porque non lles chegaba ese pan do racionamento».

Dado que, tal e como apuntou a propia Susana Villaverde, xa non lle pode preguntar por aqueles anos á súa avoa é polo que se decidiu a escribir Espigas negras. Ademais dun diploma acreditativo e cincocentos euros, a deputada María Ortega agasallouna cunha libreta de coiro e un bolígrafo coa imaxe institucional do certame para que «escriba alá onde lle veña a inspiración».

Neste punto, a titular de Memoria Histórica da Deputación salientou que un dos obxectivos desta área é «achegar a memoria a todas aquelas persoas que de seu non se achegan, segmentos da poboación que polo seu contexto de desenvolvemento non asisten as charlas de persoas investigadoras sobre a represión franquista e sobre os duros anos que sufriu o pobo galego». E un destes colectivos, é a mocidade cando «é esencial na transmisión da memoria porque é o inicio do noso futuro (...). E para falar de memoria á mocidade ten que falar a propia mocidade e este é un exemplo deste obxectivo».

A obra de Susana Villaverde, que é natural de Vigo, aínda que reside en Redondela, e é alumna da ESADg, foi elixida entre as vinte que se presentaron neste certame. «Toca unha temática que pasea polos tres eixos fundamentais que nos marcamos cando falamos de memoria: perspectiva de clase, perspectiva de xénero e perspectiva de país», concluíu María Ortega.

Ramón Leiro

Pola súa banda, Inma López Silva, responsable do departamento de Dinamización Lingüística da ESADg e secretaria do xurado, destacou que «é preciso que o teatro galego dialogue co pasado e reconstrúa unha lectura do pasado dende a actualidade e o presente». Con respecto ao texto de Susana Villaverde amosa «que a represión tiña moitos máis matices que os simplemente bélicos ou cos que algúns nos queren convencer do reparto de culpas. As vítimas foron as persoas que simplemente sufrían e trataban de sobrevivir».

En canto ao director da ESADg, Roberto Relova, remarcou que «o mundo de 2017 en adiante cambiou, empeza a idade contemporánea onde as mulleres teñen moito que dicir. Non hai volta atrás. Temos que seguir a potenciar eses cambios. Ela é unha desas persoas que ten que loitar, que ten dignificar e que ten o significado do cambio que está a pasar coa relación, a creación, a interpretación das mulleres neste mundo (...). A escola está moi orgullosa de persoa coma vós».

Mellores Xoguetes do Mundo

O certo é que a de onte foi unha xornada marcada pola entrega de premios na Deputación de Pontevedra, de tal xeito que tamén se distribuíron os do concurso dos Mellores Xoguetes do Mundo. Estes foron O Monopoly da Igualdade, As creacións artísticas e o Xogo de cartas non competitivo, que foron elaborados pola aula de 3ºB de Primaria do CEIP Manuel Padín Truiteiro, de Arcade (Soutomaior), a de 4º de Primaria do CEIP Virxe do Rocío, de Vigo e 3º de Primaria do CEIP A Sangriña, da Guarda.

A presidenta Carmela Silva adiantou que «imos traballar para converter estes prototipos en xogos e xoguetes que poidamos repartir entre todos os centros de educación da provincia de Pontevedra». Para participar, o alumnado deseñou e fabricou xoguetes orixinais, creativos, igualitarios e non violentos.