Exposicións para gozar deste arranque do mes de marzo

PONTEVEDRA

Exposición «Camiño de Inverno», en Caldas de Reis
Exposición «Camiño de Inverno», en Caldas de Reis RAMON LEIRO

06 mar 2023 . Actualizado a las 10:05 h.

Co comezo do mes de marzo, inauguráronse en Pontevedra e a súa bisbarra distintas exposicións que invitan aos visitantes a adentrarse en distintas maneiras de entender a arte.

Así, dende o pasado xoves e coincidindo coa conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, o Gastroespazo do Mercado de Abastos acolle este mes de marzo a mostra Mulleres en Loita. Organizada polo Grupo de Acción de Amnistía Internacional Pontevedra en colaboración coa Concellería de Igualdade, consta de cinco tótems con seis paneis cada un nos que repasan distintas cuestións da situación actual da muller e do seu papel como garante dos Dereitos Humanos en distintos países.

Pola súa banda, ata o 15 de marzo, o Liceo Casino acolle Hipnosis, de Ivo Sirakov. «En absoluto pinto por alguna connotación ideológica que erróneamente se le pueda atribuir a mis obras. Sino porque estoy completamente hipnotizado por esta hermosa diosa que es la pintura», remarcou o propio Sirakov.

En Poio, o Museo de Combarro (Mus.Co.) aposta de novo pola liña dun Museo colaborativo e aberto, de tal modo que o colectivo Armadiña conta coa hostalería local nas mostra Paseando por Combarro. Deste xeito, O Rincón do Café, Arroyo, Tintanegra, O Peirao e a O Bocoi amosarán a obra dos asistentes ao Curso de Fotografía Aplicada ao Patrimonio, que foi monitorizado polo fotógrafo Carlos Novodiastok. «As imaxes son unha invitación a adentrarse na historia e na cultura da vila, a través das miradas dos artistas», precisaron dende Armadiña.

E dende o pasado venres e ata o 31 de marzo, o Auditorio Municipal de Caldas acolle a exposición fotográfica Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela. Comisariada por José Manuel Ortigueira Bobillo componse de 34 imaxes e catro paneis de gran formato que amosan o Camiño dende Ponferrada e o seu percorrido polo Ribeira Sacra ata desembocar na capital galega.