Creadores audiovisuais y produtoras se citan en la Diputación de Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Silvia Lobo e Manuel Monzón protagonizarán un coloquio
Silvia Lobo e Manuel Monzón protagonizarán un coloquio DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Un xurado seleccionará o sexto proxecto que acudirá ao Laboratorio Cultural Conecta Lab

21 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O audiovisual galego ten hoxe unha cita no Pazo provincial co desenvolvemento de Conecta + a cargo, conxuntamente, da Deputación de Pontevedra e a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA). Nesta xornada de networking, entre outras actividades, un xurado conformado pola directora Ángeles Huerta, o director Álvaro Gago, o guionista Enrique Lojo, e as produtoras participantes neste encontro escollerán o sexto dos proxectos que participarán no Laboratorio Cultural Conecta Lab e que se sumará aos de Iria Sobrado, Alexandre Cancelo, Nacho Ozores, Irene Pin e Lidia Fraga e Jacobo Díaz, seleccionados xa a finais do 2022.

Esta iniciativa busca, a través de asesorías de guión e dirección impartidas por profesionais de gran prestixio no sector, «impulsar e acompañar o proceso de creación, escritura e desenvolvemento de longametraxes e series». Este proceso «culminará coas residencias que terán lugar na Illa de San Simón ao longo do mes de abril (...). Estes primeiros encontros serán on line e terán como obxectivo a preparación dos proxectos, así como a personalización da formación posterior».

No que respecta a Conecta +, a xornada posibilita que creadores audiovisuais que conten con proxectos en desenvolvemento se reúnan con profesionais de preto dunha quincena de produtoras galegas e do conxunto do Estado, que poidan estar interesadas nos seus proxectos. «Desta maneira, promóvese a construción de equipos que combinen talento e capacidade de execución», destacaron dende a Deputación de Pontevedra.

Conecta + se dirixe a un amplo abano de profesionais do audiovisual, xa non só creadores, senón tamén directores ou guionistas con proxectos de cinema e televisión, pero tamén a produtores profesionais especializados na posta en marcha de produtos audiovisuais. A intención é que os creadores poidan presentar as súas propostas a produtoras coas que poderán establecer unha colaboración profesional ou, polo menos, recibir opinións e orientacións. De igual modo, estas últimas terán a oportunidade de coñecer proxectos e a novos creadores cos que poderán chegar a establecer relacións profesionais.

Programa da xornada

Desta maneira, ao longo da mañá están programadas reunións individuais, mentres que pola tarde o salón de plenos acollerá o coloquio O papel de creadores/as no proceso de financiación (17 horas), que estará aberto ao público xeral. Correrá a cargo de Silvia Lobo, consultora en distribución, vendas e deseño de audiencias, programadora de WIP- MAFIX no Festival de Málaga, e Manuel Monzón, produtor executivo e fundador de Monzón Films e colaborador en Contracorriente Films, Globomedia Group ou Nostromo Pictures, entre outros.