Este sábado, a praza da Chousa acollerá a Mostra de Música Tradicional e Popular de Poio, con entrada de balde
18 nov 2022 . Actualizado a las 12:24 h.Este domingo, a partires das 11.30 horas, a carpa habilitada na praza da Chousa acollerá o acto central da conmemoración do 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico de Interese. «Ese 30 de novembro de 1972 supuxo un antes e un despois para unha localidade que hoxe é un referente máis alá das nosas fronteiras, sen perder a súa esencia mariñeira e tradicional que sempre mantivo», sinalaron as concelleiras Raquel Rodríguez e Marga Caldas.
Previamente, o sábado, O sábado, ás 17 horas, desenvolverase a Mostra de Música Tradicional e Popular de Poio, con entrada de balde para gozar coas actuacións de diferentes grupos locais, como Vides Novas, a Escola de Música Tradicional e as Pandereteiras do Ronsel e de Armadiña, así como a Charanga Máis Cantos con Nelson Quinteiro. E como colectivo convidado Os Coribantes de Buchabade de Ponte Caldelas.
Deste xeito, un dos momentos máis emotivos vira coa proxección do vídeo Lembranzas: memoria viva da historia de Combarro, a través do que «xente da vila, mariscadoras, redeiras, tendeiras, veciños e veciñas nos contan nesta peza o cambio que experimentou Combarro nestes cincuenta anos e como se vivía naquela época». A actriz Bea Campos será a presentadora deste vídeo e condutora do acto no que haberá intervencións institucionais a cargo do alcalde Luciano Sobral e da concelleira de Patrimonio, Marga Caldas, así como dos representantes da Deputación e da Xunta de Galicia.
De igual xeito, renderase homenaxe a aquelas asociacións que participaron activamente na conmemoración desta data, caso dos colectivos A Solaina, Armadiña, o Ateneo Corredoira e a Comunidade de Montes de Combarro Rega dos Agros, que recibirán un obsequio de mans das autoridades locais, «polo seu compromiso e interese en axudar a que a tradición memoria histórica da vila siga viva entre as novas xeracións».