Millán Brea: «Había uns prexuízos arredor da FP que son totalmente erróneos»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Millán Brea Castro, profesor do CIFP A Xunqueira de Pontevedra, finalista aos Premios Educa Abanca 2022
Millán Brea Castro, profesor do CIFP A Xunqueira de Pontevedra, finalista aos Premios Educa Abanca 2022 MIGUEL VILLAR

O mestre, finalista nos Premios Educa Abanca 2022 ao mellor docente en formación profesional, defende o papel da aula como un espazo para ser nós mesmos

01 nov 2022 . Actualizado a las 10:53 h.

O profesor Millán Brea Castro (Ourense, 1981) é un dos dez finalistas dos Premios Educa Abanca ao mellor docente de España 2022 na categoría de formación profesional (FP). Este educador social e doutor en Ciencias da Educación opta ao galardón polo seu traballo nas aulas do CIFP A Xunqueira de Pontevedra durante o pasado curso. Hai outro docente da comarca finalista, na categoría de secundaria e bacharelato, Miguel Quiroga Bóveda, do IES Johan Carballeira de Bueu.

—¿Canto tempo leva no CIFP A Xunqueira?

—O de ser finalista é polo curso pasado no que eu me estreo como profesor porque aínda non dera clase en FP. Estiven todo ese ano como interino. Este curso estou facendo unha substitución tamén no CIFP A Xunqueira e, en principio, para rematar o 13 de novembro.

—¿Que valor que lle dá a ser finalista nos Premios Educa Abanca?

—Isto de momento é unha nominación. Entendo que pode ser un recoñecemento, no meu caso, polo alumnado. Estes premios son ilusionantes porque te están dicindo as túas alumnas que creo que serviu de algo o ano pasado. Aínda seguiamos en pandemia e coas máscaras na cara. Tratar de formar en competencias a futuras integradoras sociais é algo que require de bastante paciencia e de motivación. Recoñéceme e alégrame, pero é parte do meu traballo. Non estou facendo nada excepcional.

—Dá clase no ciclo superior de Integración Social...

—Impartín o módulo de Habilidades sociais no ciclo de Integración Social e de aí vén a nominación e o ser finalista ao premio. Tamén imparto outros módulos, pero ese sería o principal. Eu son educador social e compaxino a docencia en FP coa docencia na universidade, son profesor asociado no campus de Ourense da Universidade de Vigo, no grado de Educación Social. E durante os catorce anos anteriores fun educador social nos centros Quérote Máis da Xunta de Galicia. Foi un reset, chamáronme para unha substitución e dixen, ‘gústame e creo que necesito un cambio a nivel profesional’. E parece ser que tampouco o fago tan mal.

—¿Que tipo de habilidades sociais se traballan na aula no marco dese ciclo?

—A parte formal que traballamos son esas habilidades sociais que vas a empregar como profesional unha vez saias ao mercado laboral. Ao ser un módulo de habilidades sociais loxicamente te tes que parar moito no que son as persoas. Ao final estamos aí nas clases e había que ver como nos sentiamos, poder expresarme e ter un espazo para ser nós mesmos. O bo que ten este módulo é que anima moito a facer actividades de centro, conseguimos revitalizar un pouco A Xunqueira, sacar o entroido, volver sacar un bingo solidario, os maios... Ao final todo era volver a reconstruír o que a pandemia nos quitara. Eu se cadra cheguei novo e cheguei con máis ilusión, pero é certo que as miñas compañeiras profesoras xa levaban tempo traballando. Seguramente eu fun o que acendeu, pero había xa lume. Había os mimbres para facer cousiñas. É un ciclo que na Xunqueira levan bastantes anos impartindo, hai outro, o de Promoción da Igualdade de Xénero, da mesma familia profesional, e o de Educación Infantil, que quizais son máis coñecidos.

—¿Que saídas pode ter o de Integración Social?

—As saídas teñen que ver co ámbito da integración social. Podemos traballar desde asociacións sen ánimo de lucro, en concellos... Gústame pensar que xa abrirmos máis ámbitos de traballo e que, por exemplo, os videoxogos ou os e-sports poden ser saídas laborais. Tamén podemos traballar dentro do ámbito do deporte porque os clubes deportivos precisan de figuras que se preocupen non tanto de resultados deportivos senón do que é a contorna da xogadora ou do xogador.

—A FP de hoxe nada ten que ver coa de hai trinta anos, rodeada entón de estereotipos. ¿Sorprendeulle cando chegou a esas aulas?

—Na nosa xeración había uns estereotipos e uns prexuízos arredor da FP que son totalmente erróneos. Chamoume a atención por dous lados. Por un lado, xa coñecía a formación que adquires, porque o alumnado que me chega a Educación Social fixo ciclos de animación sociocultural e o nivel é boísimo, marabilloso á hora de traballar en grupo, facer propostas e debater. E por outro lado, o nivel que hai en FP, case toda a xente vén do mercado laboral e chega a ser profesor, que é unha diferenza coa universidade. Ese estereotipo é totalmente erróneo.