Aínda que agoniza polo seu desuso, o nomenclátor de Galicia establece con claridade que o topónimo oficial da vila arousá inclúe o artigo
28 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Non é probable que ninguén poña o grito no ceo a estas alturas. Sobre todo, porque a forma correcta apenas se emprega xa entre os seus propios habitantes. Pero o certo é que, no caso de Carril, a vila que en 1913 confluíu con Vilagarcía e Vilaxoán para conformar o municipio de Vilagarcía de Arousa, estase a cometer unha ilegalidade arredor da súa denominación. Baixo a competencia da Xunta, o nomenclátor de Galicia fixa os topónimos de concellos, territorios, núcleos de poboación en xeral e estradas interurbanas. Polo que respecta ao exemplo que nos ocupa, non hai outra forma oficial que O Carril, combinado ou non con Santiago. O artigo, polo tanto, forma parte do seu nome. Carril, a secas, constitúe unha incorrección. E algo máis, posto que, dende un punto de vista legal, o conxunto da rotulación que se refire a esta vila debería concordar co topónimo oficial —isto é, a fórmula con artigo—, cousa que, á vista está, non sucede.
«A verdade é que eu sempre falei de Carril, e non lembro que na casa se usase O Carril. Igual facíano os vellos, pero non o recordo», recoñece un veciño que naceu na década dos 60 e pasou toda a súa infancia baixo a verde influencia da illa de Cortegada. Practicamente calquera persoa que descenda dos 55 ou os 60 anos manterá unha opinión semellante. Porén, a forma O Carril debeu estar viva ata hai ben pouco, cando menos entre algúns dos seus habitantes. «A xente, hoxe, tende a usar Carril, sen o artigo, pero cando se ditaminou como topónimo oficial foi porque estaba vivo e constatamos que así era. Naqueles lugares nos que, aínda que fose minoritario, ese uso existía, encamiñámonos á forma con artigo», explica Gonzalo Navaza, profesor da área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo, e unha das primeiras autoridades do país en materia de toponimia.
A influencia do castelán
En xeral, subliña o profesor, o artigo forma parte do topónimo. Non é algo que aconteza só na lingua galega. «Pensemos en Las Palmas, por exemplo. O mesmo sucede no francés ou en italiano». Polo que respecta ao proceso de perda dese artigo, como está a suceder en Carril, Navaza sinala o contacto co castelán, que, malia algunha excepción, tende a evitar estas formas. Un fenómeno que tamén se presta a consideracións de corte sociolingüística, por canto en casos coma este o único que distingue a forma galega da castelá é precisamente o artigo. E non fai falla lembrar cal dos dous rexistros foi o predominante e o de meirande prestixio durante décadas. En Padrón, que orixinariamente era O Padrón, acabou por desaparecer.
Etimoloxicamente, «O Carril deriva de currilis, que ten como principio o común latino carrus e designa as antigas pegadas que deixaba o paso continuado de carros do país», explica o profesor, historiador e antropólogo Carlos Méndez. En 1607, o cardeal Jerónimo del Hoyo deixou escrito, nas súas Memorias del Arzobispado de Santiago «Esta villa del Carril se començó a fundar poco más de cien años». A finais do século XVIII, o ilustrado Lucas Labrada describe a economía do Reino de Galicia e constata que «los puertos de Vila-García y Vila-Xoán se hallan más abajo del Carril». Rosalía de Castro tamén emprega o artigo para se referir á vila arousá nun poema. 169 anos despois da publicación de Cantares Gallegos, nin nas sinalizacións aparece. E terá que ser. Ou non.