Terbutalina retorna en Pontevedra aos escenarios

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

A banda participou este sábado no aniversario da Sala Karma presentando un novo single e a súa xira de inverno

21 feb 2022 . Actualizado a las 09:24 h.

Coas entradas esgotadas dende hai varios días, este sábado, a unha hora bastante intempestiva para un concerto desta intensidade, a unha da tarde, Terbutalina sumouse ao aniversario da Sala Karma cun obxectivo moi claro: «Reconquistar os pogos perdidos, as horas intempestivas e os quilómetros na estrada».

O certo é que dende que se desatou a pandemia do coronavirus os concertos de Terbutalina poderíase dicir que se contan cos dedos de ambas mans. Non cabe dúbida de que os seus fans anhelan unha nova xira. E están de noraboa. Pontevedra foi o escenario elixido para a presentación da súa nova xira de inverno que prometen será «un fito que revolucionará o panorama musical galego».

O de onte foi unha festa e proba de elo e que o evento, onde se rexistrou un cheo absoluto, foi bautizado como Nada que nos frene party. Ante un centenar de elixidos, a banda presentou Costa abaixo, «o primeiro dunha serie de singles que irán presentando ao longo deste 2022 e que promete ser o pistoletazo de saída á volta definitiva ao seu hábitat natural: os escenarios».

«Transversalidade e evolución como notas definitorias do regreso de Terbutalina, que volven cunha proposta moito máis madura envolta nunha contundencia sonora prescrita especialmente para unha correcta recuperación do alento musical postpandémico», destacaron dende Dotbeat!

Non cabe dúbida de que a de onte foi unha das grandes citas do aniversario «16-1» da pontevedresa Sala Karma, que xa confirmou a presenza de Os Resentidos o 25 de marzo coa xira Organización Nautilus.