O Apalpador percorrerá 45 concellos da provincia

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

23 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Finalmente, e aínda que inicialmente ían ser unha trintena de actuacións en outros tantos municipios da provincia, o Apalpador deixarase ver este Nadal por 45 concellos. De feito, a deputada responsable de Lingua, María Ortega, explicou que as trinta actuacións pensadas inicialmente cubríronse de maneira case inminente coa apertura do prazo de solicitude, polo que se tomou a decisión de facer un esforzo económico e chegar a todas as vilas interesadas.

Ortega incidiu en que este ano manteranse de maneira estrita todas as medidas de prevención ante a pandemia, pero intentarase que a actividade, ao abeiro do programa Nadal en galego, se multiplique para «levar a ledicia ás nenas e nenos da provincia logo dun tempo de moita contención festiva», engadiron dende a Deputación de Pontevedra. Técnicos desta Administración están agora cadrando as visitas para que o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, poida achegarse a varios concellos próximos xeograficamente na mesma xornada entre o 20 de decembro e o 4 de xaneiro.

En canto aos concellos que serán visitados polo Apalpador estas datas, a Deputación confirmou que, no caso da comarca de Pontevedra, serán os de Poio, Barro, A Lama, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Bueu, Sanxenxo, Portas e Cuntis.