Laureano Araujo: «Kafka nunca escribiu 'A metamorfose'»

PONTEVEDRA

CEDIDA

A tradución do clásico de Kafka para a editorial Kalandraka recupera o título orixinal que lle puxo o autor nado en Praga

19 abr 2021 . Actualizado a las 11:35 h.

A nova edición en galego a cargo de Kalandraka do clásico de Franz Kafka Die Verwandlung non leva por título o esperable A metamorfose, senón A transformación. «É algo que se explica nunha nota introdutoria do libro. A primeira tradución saíu en 1915 foi ao húngaro e publicouse en 1921 a cargo dun mozo que se chamaba Sándor Márai e que chegaría a ser un grande da literatura. E titulou O cambio. A segunda tradución foi ao español en 1925, dez anos despois da primeira edición. Non coñecemos a autoría, hai varias teorías ao respecto, pero xa optou por A metamorfose e ese título xa foi asumido despois en francés, inglés, italiano... Canonizouse. Levamos case cen anos chamándolle A metamorfose e ese non foi o título que lle deu Kafka», explica Laureano Araujo, tradutor da obra.

-Como afrontou este traballo?

-Tíñalle moito respecto. Cando te encargan traducir un libro así, amigo... Son palabras maiores. Tiña medo a meterme e non facer un traballo digno e creo que o resultado é precioso, está moi ben editado. Estou moi contento. En canto ao título, estamos nunha situación estraña, a de intentar corrixir unha mala tradución e introducir a tradución correcta cando todo o mundo coñéceo por A metamorfose. Tiven moita sorte porque o meu editor entendeu isto dende un principio cando lle dixen: «Temos que poñerlle A transformación porque é o correcto». Non puxo ningún problema o que non é doado. Para un editor cambiarlle o título a un libro tan importante non é unha cousa moi fácil.

-Poderíamos dicir entón que Kafka nunca escribiu «A metamorfose»?

-Exactamente. Kafka nunca escribiu A metamorfose, aínda que todos pensemos que si. É unha forma provocativa de dicilo, pero é certo. Kafka era un escritor extremadamente detallista, era un neurótico e escribía dunha maneira moi convulsiva, aínda que logo o revisaba todo. Nada do que hai no seu texto é casual, nada do que hai no texto non estivo pensado 50.000 veces... e meterse niso é moi difícil para o tradutor. Evidentemente, puido escribir A metamorfose, Die metamorphose en alemán. A palabra existe e hai libros que se chaman así. Pero el non o fixo. E non o fixo non so no título, senón en ningún momento do libro. O que non podemos facer os tradutores é ir detrás e corrixir a Kafka e poñer un título que el non puxo.

-Ademais, a metamorfose en bioloxía normalmente fai alusión a un proceso positivo, a eiruga que se transforma en bolboreta. E no libro de Kafka ocorre todo o contrario?

-Efectivamente. Ademais, a metamorfose é un proceso natural e a transformación que ten lugar na novela de Kafka non ten nada de natural. É un proceso inducido por unhas relacións de poder que se dan dentro da sociedade e dentro da familia. Por iso a novela é tan salvaxe, disecciona as situacións de poder dentro da familia que explota a Gregor Samsa. Un pai autoritario, unha figura moi potente que vai anulando a persoa de Gregor, que acaba pouco menos que escravizado para manter a esta familia. E como Gregor vaise encollendo, como desfacendo da súa natureza humana ata converterse nun insecto, pero nin iso lle serve para escapar da autoridade do pai. Isto non ten nada de natural.

-Que foi o máis complicado de traducir a Kafka?

-Traducir a Kafka, ao igual que calquera outra tradución, é pillarlle o rexistro, pillarlle a linguaxe. Aos autores sempre os recoñecemos pola súa linguaxe. Os grandes autores da literatura universal son a súa linguaxe e o desafío para un tradutor é pillar ese rexistro. Intentar ser fiel a isto é un reto. Por poñer un exemplo. Kafka xoga coa repetición de palabras, palabras sinxelas, cotiás, dentro dunha oración. Podemos pensar que iso está mal, que é reiterativo, pero ten unha intención. É a intención é a de producir no lector unha sensación de angustia provocada por esa reiteración dunha palabra cotiá que, de pronto, se volve impositiva. O desafío é pillar iso, non corrixir ao autor. Hai tradutores que intentan corrixir iso porque as veces pensamos que os autores poden cometer erros estilísticos e estamos nós, que somos moi listos, que imos detrás e corrixímolos.

-Imaxino que tamén, no caso de «A transformación», foi difícil reflectir o seu humor.

-Si. Este libro, en contra do que moitas veces entendemos, ten moitísimo humor. É un libro terrible, onde hai unha diseccións das relacións de poder, pero está narrado con moitísimo sentido do humor. De feito, Kafka tiña moito sentido do humor. A figura de Kafka, hoxe en día, foi deconstruída e sabemos que non era un tipo tan raro como se nos retratou sempre. Como tradutor podes cometer o erro de pensar que estás ante unha novela que é seria, sesuda, escura... e borras ese rexistro humorístico que indubidablemente está no texto. Tes que estar aberto a que este libro ten moito humor e tes que reflectir iso na tradución.