Hoxe comeza o programa DEPOrte Escolas para 650 nenos en 27 concellos

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Martina Miser

Vilagarcía, Cambados, Ribadumia e Valga, entre os concellos participantes

01 mar 2021 . Actualizado a las 13:12 h.

Co inicio do mes de marzo, a Deputación de Pontevedra arranca o programa DEPOrte Escolas. Desde hoxe máis de 650 nenos e nenas en idade escolar practicarán nas diferentes escolas deportivas ata nove modalidades: atletismo, baloncesto, balonmán, judo, loita, patinaxe, piragüismo, rugby e taekuondo.

Este programa, de carácter gratuíto, levarase a cabo grazas á colaboración e coordinación da Deputación coas federacións deportivas. As escolas que se desenvolven no marco deste programa prolongaranse ata o mes de xuño, excepto as da modalidade de piragüismo, que rematarán no mes de setembro.

 

Todas as escolas seguirán o protocolo Fisicovid-DXTgalego para garantir a seguridade sanitaria na súa realización e contarán cunha persoa responsable designada por cada federación para velar por este tema, segundo informan desde a institución provincial.

Son 27 os concellos da provincia que se benefician desta iniciativa: A Cañiza, A Guarda, Baiona, Barro, Bueu, Cambados, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Gondomar, Mondariz, Moraña, Oia, O Rosal, Pazos de Borbén, Pontevedra, Ponteareas, Ponte Caldelas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.