«Hai que estar eternamente dando caña»

PONTEVEDRA

CEDIDA

SonDaRúa publica o seus primeiro traballo discográfico, «Eterno combate»: «Non podíamos agardar a presentalo en directo»

27 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun escenario marcado polo confinamento pola pandemia do covid-19, SonDaRúa saca o seu primeiro longa duración, Eterno Combate, un traballo que veu precedido hai dous anos do seu EP Liberando mentes. ¿Temeridade ou valentía? «Algo de valentía pode ser, pero nós tíñamos pensado, de feito, sacalo unhas semanas antes do que oficialmente o fixemos. Levábamos moito tempo preparando o disco, como moito traballo detrás, e dixemos ‘‘hai que sacalo igual’’. Ademais, ao mellor, agora a xente ten máis tempo para escoitalo. Non queríamos que todo ese traballo que custou facer o disco quedara parado», apunta Hugo Guezeta, xunto con Álex Arnoso, as voces de SonDaRúa. Completa o grupo That Bass como DJ.

-Polo que vin, as redes sociais están a amosar a súa importancia na difusión de «Eterno combate» no estado de alarma.

-Estivemos traballando nas redes sociais. Non podíamos agardar a presentalo en directo e que a xente estivera esperando por el. Creo que o conseguimos. Dende que o lanzamos, notamos que bastante xente o escoitou, está gustando á xente.

-¿Imaxino que polo de agora é imposible falar de actuacións en directo?

-Si.Hai moita incertidume. Ao mellor noutros sectores hai menos, pero no noso hai moita incertidume porque non sabemos nin cando se vai voltar comezar, nin canto aforo poderán ter os festis ou as salas. O problemática principal que imos ter é que fomos os primeiros en parar, porque xa cancelamos unha data xusto o día antes do estado de alarma, e imos ser os últimos en voltar. O tema dunha xira, nada. Estamos á expectativa do que vai anunciando o Goberno para ir organizando a volta aos escenarios.

-«Eterno combate», ¿a que fai referencia?

-Fai referencia a que sempre fixemos dende que comezamos unha música combativa, unha música que fai que a xente se cuestiones cousas do funcionamento da sociedade e que poderíamos facer para ter unha sociedade mellor. Fai referencia a que hai que estar continuamente loitando polos dereitos, loitando polos servizos públicos, pola lingua, pola nosa cultura... É un pouquiño iso, que hai que estar continuamente loitando polo que eu quere defender, por cousas que deberían ser básicas na sociedade, pero que están, a veces, en tela de xuízo ou en xogo, sobre todo, nunha época de crise como a de agora. Hai que estar eternamente dando caña.

-Escoitolle falar e irremediablemente penso na sanidade pública.

-Si, pero tanto na sanidade como na educación pública, e como todo o que son os servizos públicos. O chamado estado de benestar é algo que non se pode debater na sociedade. Poden haber outros aspectos debatibles ou nos que, a nivel político, habería que argumentar si hai que apoialos ou non. Pero cos sectores públicos non debe haber debate. Sempre hai que facer unha defensa férrea deles. O público, no noso caso, sempre por diante do privado.

-Voltando ao disco, contades de novo con colaboradores de luxo, caso de Ezetaerre, un histórico xa da escena rap galega.

-A verdade que si. Estamos contentos porque queríamos que o disco contara con varias colaboracións. A primeira a fixemos con Navia Rivas, que é a filla de Mini Rivas, cando nin tan sequera tíñamos idea de facer un disco. Queríamos facer un tema sobre a emigración e cadrounos moito a súa voz e o rollo que ela ten co tema. Con Skandalo GZ tiñamos claro que había que facer algo porque é un grupo de referencia no Condado, en Ponteareas que é de onde somos nós. Creo que quedou un bo tema. E Ezetaerre é un grupo punteiro no hip hop galego e temos relación con eles ata o punto de que un dos seus membros xa nos tiña producido algúns temas. Tanto a eles como a nós moita xente nos dicía para cando un tema xuntos.

-Chama a atención o variado que é o disco...

-Foi unha declaración de intencións. Con este disco queríamos facer un pouco de todo. En Eterno combate hai bases roqueiras, cun sampler de Kortatu, bases máis oscurillas e logo temas de ska puro. Hai un tema de reggae que da nome ao disco, pero tamén hai unha balada, que é o último tema, Cantar de Gaia. É guitarra e instrumental. Non é pop, é un rap máis lento. Queríamos tocar todos os paus porque é certo que a boa parte da xente que nos sigue gustalle escoitar rap e música máis urbana, pero queríamos chegar a máis xente, a un público máis amplo. Ademais, nós nunca tivemos un estilo de rap moi marcado, sempre fomos de facer un pouquiño de todo. Creo que quen escoita música en galego vai atopar, polo menos, un tema que lle guste.