«O mellor é que todo o mundo se implica»

xiana r. olivares

PONTEVEDRA

CÉSAR QUIÁN

Cibrán Tenreiro presentou onte, na segunda xornada de Cinema no Xardín, unha escolma de gravacións musicais de distinta autoría

27 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A maioría dos vídeos que gravan todas esas mans alzadas que xorden de entre a multitude que acode a un concerto morre aos segundos que dura unha «historia» de Instagram. Ademais dunha chamada de atención puntual, estas pezas poderían ter unha segunda vida e servir, se cadra, para documentar unha época ou expoñer un comportamento social determinado. Cibrán Tenreiro pensaba algo así cando decidiu programar Cancións, caras e lugares: rexistro dunha escena galega.

-¿Que escena galega pretendía recrear?

-Falar de escena en Galicia é falar de escena underground, pero dentro diso hai matices ideolóxicos. Esta xira arredor de colectivos e espazos autoxestionados, como o propio Liceo Mutante. Dáse unha politización menos explícita. É complicada de definir, pero a escena defínese polas persoas que están aí, que conforman esa idea de comunidade.

-¿Como nace a idea?

-Ao fío dunhas investigacións que fixen sobre este tipo de pezas, é dicir, o cine que se fai na escena musical galega. Escollín vídeos de grupos que tivesen tocado algunha vez no Liceo para poñer en valor que, á hora de rexistrar a música, a situación mudou. O sector xeneralizouse moito e hoxe calquera pode documentar o que lle resulte importante. Nas escenas musicais hai unha explosión da creatividade, ou da actividade, máis ben. O mellor é que todo o mundo se implica.

-¿Atopámonos entón ante un protagonista colectivo?

-Exacto. Esta selección é así como podería ter sido doutra maneira. O protagonismo non é tanto de persoas concretas como da comunidade. Podería ter certo valor etnográfico.

-¿Como conecta o espectador con este tipo de pezas?

-Estas pezas teñen unha cualidade parecida á que ten o cine doméstico. Cando ves un vídeo familiar, vai ter máis potencial para emocionarte a ti que a alguén alleo. No caso de Cancións, pensas nunha comunidade ou colectivo coma se fose unha familia. Se coñeces os códigos e os grupos, podes empatizar máis. Hai vídeos cunha calidade regular, nos que tés que poñer da túa parte para descodificalos, pero hai outras pezas máis artísticas, cunha mirada detrás ou un traballo coa montaxe. Estes vídeos ofrecen unha gran sensación de inmersión, desde unha única posición, e podes identificarte coa mirada desa persoa. Ademais, como non son vídeos profesionais, teñen unha liberdade formal moi grande.