Manuel Fariña Souto: «O encoro ten uns efectos terribles e a loita veciñal non pode parar»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral CALDAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

O concelleiro, que relevou a Iñaqui Fernández en maio, aposta por negociar co Sergas o sitio do centro de saúde

17 may 2023 . Actualizado a las 17:56 h.

O BNG de Caldas de Reis aposta polo relevo xeracional para enfrontar as eleccións municipais de maio. Manuel Fariña Souto (Caldas de Reis, 1989), que tomou posesión como concelleiro en maio, di que hai marxe para a sorpresa. Este profesor de música curtido na loita das preferentes, di que o primeiro obxectivo é que Caldas esperte.

-¿Como valora estes sete meses como concelleiro?

-O balance que fago da xestión do BNG neste tempo é positivo. Atopeime cunha Administración local parada e anclada no século pasado, sen dinamismo e sen ideas frescas. Tentei aportar un punto de vista diferente, con ideas máis novas, que non sempre foron ben entendidas dentro da corporación. Sempre tiven desencontros, sobre todo co alcalde. Están acostumados a un ritmo de traballo máis lento. Tentaron atacarme pola miña xuventude, pero en moitas cousas acabáronme dando a razón, como no tema da seguridade viaria. Acaban de contratar un estudo de tráfico.

-Vostede tiña nove anos cando empezaron as obras do encoro do Umia. ¿Que recorda daquelo?

-Era moi pequeno pero recordo que houbo unha cidadanía en contra desa obra, que se viu traizoada despois polo PP e PSOE, que lle deron as costas. O PSOE vendeunos ao final apertando o botón das comportas. Aí está o vídeo da vergoña e a foto da patera surcando o Umia. Foi unha loita veciñal exemplar que se viu frustrada pola cabezonería duns representantes políticos que algún día estaría ben que explicaran por que venderon o río a Hidroeléctricas Cortizo.

-A obra segue dando problemas unha vez feita ao afectar ao abastecemento de auga e ao medio ambiente. ¿Vai ser un dos eixos do seu proxecto?

-O tema do encoro vai máis alá dunha campaña política. É unha loita veciñal que non pode parar, ten que ser algo máis amplo. O encoro está producindo uns efectos terribles sobre a vida dos caldenses, que nos aparta do río no que medramos e do que gozaron xeracións e que nos está dando de beber unha auga pésima. Debemos recuperar o Umia, a calidade de vida vinculada ao río, que debería ser tamén un atractivo turístico de primeira orde e neste momento non o é.

-O BNG, que chegou cogobernar en Caldas, ten un concelleiro. Quizais os veciños non lle dan tanta importancia ao encoro...

-O BNG ten un concelleiro só, pero quedou a dez votos do segundo. Nas últimas case duplicamos o número de apoios e nesta ocasión aspiramos a todo.

-Sexa realista, ¿cal sería un bo resultado electoral?

-Sendo realista, o 26 de maio ás oito da mañá todos temos cero votos. Aspiramos a todo porque creo que o escenario político en Caldas está máis aberto que nunca, se cadra, e penso que podemos dar a sorpresa e que estamos en disposición de facelo.

-¿Que opina dos seus rivais políticos para o 26M, Juan Manuel Rey (PSOE) e Fernando Pérez (PP)?

-Son dúas caras dunha mesma moeda. No comité do crise do Umia dixen que eran un tripartito contra Caldas. Levan toda unha vida na corporación municipal facendo o mesmo, sen dar solucións, e hoxe falamos de problemas de hai vinte anos, como o centro médico, o encoro, o proxecto da Tafona... Son dúas caras dunha mesma moeda que non lle aportan nada a Caldas e están dando os seus últimos coletazos. Agora en vez dun tripartito será un bipartito.

-¿Que lugar propón para o novo centro de saúde?

-Hai que deixarse de frikadas. Ampliar o centro médico na súa ubicación é inviable. A nosa opción sería sentarnos nun diálogo sincero coa Xunta e o conselleiro, que veñan á vila e buscar entre todos unha alternativa viable.