«O banco tivo que elixir entre seguir perdendo credibilidade ou devolver os cartos»

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

Os afectados atribúen a devolución dos seus cargos ás súas movilizacións

21 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A plataforma de afectados polas preferentes e subordinadas do Salnés é un dos colectivos que logrou o acordo con Novagalicia Banco para a devolución íntegra dos seus cartos.

-¿Como conseguiron que atendesen as súas reivindicacións?

-O banco tivo que elixir entre seguir perdendo credibilidade ou devolver os cartos aos seus clientes. Temos que dicir que todo o que estamos a tramitar é dentro das plataformas, porque aínda hai milleiros de persoas esperando por unha solución.

-Agora xa poden sorrir, pero ¿como se sentiron cando se enteraron do barullo en que estaban metidos coas preferentes?

-Entramos en shock. No podiamos entender como xente da nosa confianza, non sei se nos enganaron ou que, pero puideron contar as virtudes dun produto e non os seus posibles riscos, quizais porque tamén tiñan confianza na súa entidade

-¿E que fixo cando lle pasou a vostede?

-Ir ao banco e solicitalo, e nunca negaban o que pasaba, sempre nos dicían que se podía recuperar, pero despois de varios intentos vimos que non era posible.

-¿Por que crear a plataforma?

-Despois de pasar esa etapa, algo desasistidos, descubrimos que non eramos os únicos e que aparecían plataformas por todas partes de Galicia. Entón a xente empezamos a ter contacto entre todos. Comezamos un camiño que non sabíamos a onde conducía, pero estabamos convencidos de que o banco non o ía ter fácil para quedar cos nosos cartos.

-¿E como foi a loita?

-Empezamos a facer concentracións para conseguir chegar a un escalón máis alto na estrutura do banco, para que nos fixeran caso. Recibíamos boas palabras pero todo quedaba aí. Por iso tivemos que ir presionando para que nos tivesen en conta, pero un problema era o cambio continuo na estrutura do propio banco ata chegar á arbitraxe.

-¿Que pegas tiña a arbitraxe?

-Estaba só pensada para afectados cunha cantidade pequena e para devolver os cartos a persoas como cegos, discapacitados ou nenos. ¿Por que non chegaba a todos? Eu creo que porque non se podía desde España recoñecer ante o mundo que se tivesen feito tan mal as cousas. E ademais ao ritmo que se concedían as arbitraxes, de 30 a 40 casos diarios, tardarían nove anos en atender a todos os afectados.

-Hai moita xente que se pregunta como vostedes non se deron conta ao asinar os seus contratos de preferentes de que era o que estaban facendo.

-Moita xente nunca tivemos ese contratos, confiabamos en que era un depósito, nunca sospeitamos de nada e incluso cando nas condicións do contrato se nos dicía que a recuperación podía ser individual e inmediata. A maior parte non sabía nin o que eran os valores.

-E agora, ¿fíase dos bancos?

-Léome ata a letra pequena da tarxeta de débitos, pero non eu son todos, e non só os de NGB, senón os de todos os bancos.

-¿Que opina das multas da Subdelegación a algúns dos seus compañeiros preferentistas?

-A xente tiña toda a razón a protestar, vivíamos unha situación de tensión e desasosego e aínda que iso non xustifica todo, é normal que a xente estivera algo fóra de si. Pero quero recordar que non houbo violencia, nin rotura do mobiliario urbano. Multouse a algunha xente por cruzar unha beirarrúa. É unha actitude bastante represiva e pedímoslle ao subdelegado do Goberno que retire todas as multas.