Festival e xantar con «Nimbos»

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

O auditorio do Príncipe Felipe celebrou as Letras Galegas

17 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

1Os alumnos e profesores de hostalería do CIFP Carlos Oroza e do IES Montecelo foron onte os anfitrións dun festival das Letras Galegas en homenaxe ao poeta Xosé María Díaz Castro. Tivo como escenario o auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe e invitaron a participar as comunidades educativas doutros institutos da cidade e de Poio. Alí xuntáronse máis de catrocentos rapaces para gozar dun cartel cheo de música, de poesía e de teatro. O grupo Os Carunchos, coas súas gaitas, percusións varias, polifonía nas voces e o acompañamento da zanfona, puxeron a música do país, da auténtica, da de raíz. E na parte teatral, o protagonismo foi do grupo A Panadaría, que escenificaron unha divertida parodia musical dun western que desatou as risas do público. Alumnos de Guía Turísticos do Carlos Oroza aproveitaron para facer prácticas, encargándose de recibir, acomodar e despedir aos espectadores invitados e de atender tamén as necesidades dos artistas, dirixidos pola profesora Consuelo Vercher, coordinadora da Equipo de Normalización Lingüística do centro.

Ao remate do festival, celebrouse na aula restaurante Álvaro Cunqueiro de CIFP Carlos Oroza un xantar moi especial co menú Nimbos, título da obra cimeira de Díaz Castro. Foi unha degustación de varios pratos, todos eles relacionados coa vida e a obra do escritor lucense, cos lugares nos que viviu e coas distintas etapas da súa biografía. E de sobremesa, un doce de merengue e azucre en forma de madeixa ao que chamaron Penélope, un dos poemas de Nimbos, no que Díaz Castro estableceu un paralelismo entre Galicia e a muller que tecía de día e desfacía de noite.

A Familia de A Parda

2Na Escola Infantil de A Parda, onte foi tamén un día moi especial e emotivo. Alí celebrouse, en vésperas das Letras Galegas, a Festa das Familias. Era a primeira vez que se facía e o que se quería amosar é que o proxecto educativo deste centro ten como un dos seus piares básicos a estreita colaboración entre o equipo educativo e os pais e nais dos alumnos. «Sen eles non tería moito sentido unha grande parte do noso traballo, xa que nos entendemos que o neno ven coa familia, son un todo, e sería moi difícil traballar sen contar con esa parte tan importante», explicou a directora, Lupe Pérez. A festa consistiu nunha xornada de diversión, con obradoiros por toda a escola, maquillaxe, contacontos, bolos, xogos co paracaídas e unha proxección especial, onde mostraron unha montaxe coas fotos das visitas que foron facendo ao centro as familias e coas imaxes dos nenos fabricando a galiña que cociñaba contos presentada no salón do libro. A Escola Infantil da Parda abriu as súas portas en xaneiro do ano 2011 e este ano sae a segunda xeración de nenos que completaron o ciclo enteiro. O momento máis emotivo da festa foi cando as educadoras leron unha carta as familias agradecéndolles a súa colaboración e implicación no centro e dándolles as grazas por confiarlles o seu tesouro máis prezado.