Un paso adiante co galego

Elena Larriba García
Elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

Máis dun milleiro de rapaces participaron onte na carreira pola defensa da lingua de Rosalía

06 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha serie de carreiras a prol do idioma, convocadas en toda Galicia, convidan á mocidade e aos centros de ensino a reivindicar o uso da nosa lingua e garantir o seu futuro. Pontevedra foi a cidade na que arrancou este maratón que rematará en A Coruña e Foz en vésperas do Día das Letras Galegas, despois de pasar por unha ducia de vilas. Máis de 1.200 nenos de catorce colexios e institutos da comarca participaron onte nesta primeira carreira. Ás dez e media da mañá xa estaban todos concentrados na praza da Ferrería, onde foron recibidos por músicos, malabaristas e un dragón cuspe-auga. Os primeiros en botar a correr foron os pequeniños, que fixeron un percorrido polo centro histórico adaptado a súa idade. Os maiorciños tiveron que correr un pouco máis, facendo un circuíto máis longo tamén pola zona monumental. E ao final toda esta marea de rapaces volvéronse xuntar na Ferrería, onde continuou a festa da lingua.

Música e agasallos

Nesta traca final, presentada pola actriz galega Isabel Risco, leuse un manifesto que foi redactado este ano polo grupo Os Ameneiros, de terceiro da ESO do IES Isaac Díaz Pardo de Sada. A actuación de Superoito, un dos grupos gañadores do certame da música galega, animou as actividades na praza. Houbo agasallos de libros para todos os participantes, doados polas editoriais Kalandraka, Oqo y varias librerías pontevedresas, e para rematar, unha gran solta de globos.

Vivir en galego

O lema da carreira pola lingua foi este ano O galego, o paso adiante, e con el os rapaces autores do manifesto describiron a vida cotiá en galego, mirando atrás só para gozar do moito que avanzamos na recuperación e normalización da lingua. Falar galego en casa, cos amigos, nas redes sociais, no instituto... «Quen nos ía dicir que estaría ben whassapear en galego!», dicía o texto que leron na Ferrería. Maio é o mes da lingua e esta carreira de onte dará paso a unha morea de actividades organizadas polo Concello que inclúe conferencias, teatro, exposicións e contacontos.