A través deste programa intentan dar valor o coñecemento e divulgación da riqueza da nosa cultura
24 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Stanley, Samuel, Ángela, Lucas, Serafín... Son ingleses, naceron e viven en Londres, pero son fillos ou netos de galegos e estudan a nosa lingua como materia optativa no colexio español Cañada Blanch da capital británica. Onte coñeceron por videoconferencia aos rapaces dos colexios de Xeve, Lérez e Campañó que participan con eles no programa Ponte a Londres!, unha iniciativa innovadora de intercambio educativo impulsada pola Concellería de Normalización do Concello de Pontevedra e polos equipos de dinamización dos citados centros, para maior coñecemento e divulgación da riqueza da nosa cultura. A conexión audiovisual por Internet foi todo un éxito, aínda que aos de Santo André de Xeve non lles funcionou a cámara e os demais só puideron escoitalos. Os nenos falaron das súas cousas, do que fan no colexio e das súas afeccións. E os de aquí fixéronlle aos ingleses a gran pregunta, que contestaron como bos descendentes de galegos. «¿Stanley, por queres aprender galego?». «¿E por que non?», respondeu. Por certo, todos os escolares londinenses dixeron que eran do Celta e os profesores dos centros pontevedreses quedaron sorprendidos do ben que falan en galego, «case mellor que os nosos».
Plataforma «on-line»
Os alumnos dos tres centros de Pontevedra e os de Londres seguirán a partir de agora en contacto e se comunicarán on-line a través dunha web na que poderán intercambiar experiencias e traballos educativos, fotografías dos lugares onde viven, xogos tradicionais, música e todo o que teña que ver coa cultura galega. Nesa plataforma dixital poderán interactuar, aportando opinións sobre diversos contidos, suxestións e preguntas. Onte, por videoconferencia, xa se enteraron de que a rapazada londinense sabe perfectamente o que é un trompo: «Unha cousa de madeira que se enrola nunha corda, se tira ao chan e baila».
Xogo de preguntas
A pregunta sobre o trompo viña a conto porque os nenos pontevedreses fixeron antes de contactar con ingleses un xogo de preguntas que tiñan que contestar en quince segundos. ¿Un nome galego que non sexa nin Brais, nin Breixo, nin Antía, nin Sabela?. E case todos responderon Xoán e Iago, entre outros. ¿O nome dun presentador ou presentadora que fale galego e non vale Gayoso?. Mucha e Nucha, respondeu algún. ¿Un grupo de música galego que non sexa de folk?. Resposta: A Orquesta Panorama. Aínda que houbo quen estaba máis ao tanto da música alternativa e citou ao grupo Sacha na Horta. E como non, cando lles preguntaron por unha escritora ou escritor galego que non sexa Rosalía, todos dixeron Fina Casalderrey. Este xogo foi un ensaio para que se soltaran e se deran conta de que o galego é cultura, é tendencia, é divertido e fálase ata en Londres. Ao final deste programa farase un vídeo documental de todo o feito e a intención é que, se poden, veñan os ingleses á estrea.