«O novo reto de Redeaxuda é o plan de voluntariado»

Elena Larriba García
Elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

A responsable municipal aplaude a iniciativa de La Voz da recollida de xoguetes novos no arranque de Nadal Ocio

14 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

carme fouces concelleira de benestar social

Carme Fouces pensa que Pontevedra está a dar ante a crise unha lección de solidariedade colectiva e cohesión social que se educou e promoveu durante anos e asegura que Redeaxuda viño para quedarse con novos retos para o próximo ano no eido do voluntariado. A concelleira de Benestar Social quixo ser a primeira en manifestar a súa satisfacción pola xornada solidaria de recollida de xoguetes novos, promovida por La Voz de Galicia coa colaboración do Concello e outras empresas, coa que arrancará o próximo venres Nadal Ocio no Recinto Feiral.

-¿Cal é o sentir do Concello ante este tipo de iniciativas?

-A nós como Concello nos agrada moito que tanto as empresas como os traballadores e os grupos de comunicación, neste caso La Voz de Galicia, fagan este tipo de actividades, recollendo xoguetes novos para os rapaces e rapazas desta cidade. Ademais, xoguetes que van ser de estrea. Porque para as familias que podemos compralos, non hai problema en aproveitalos de segunda man, pero para as que van destinados é moi importante que sexan de primeira man. Estamos moi contentos de que La Voz promova esta recollida e de que os nenos e nenas que van a participar nesta xornada solidaria sexan conscientes do que significa colaborar con outros nenos con xoguetes que eles mesmos pedirán para eles. Esa é unha forma máis de igualar e incluírnos todos no mesmo carro.

-¿Como se van a repartir os xoguetes doados?

-En Redeaxuda están moitas entidades que traballan especificamente coa infancia e familia e saben as que mais os precisan. Elas se encargarán de repartilos e de que cheguen aos nenos aos que van destinados.

-Sempre se di que nestas datas hai maior sensibilidade. ¿En Pontevedra é sempre Nadal?

-Nestas datas estamos mais pendentes das nosas familias e persoas queridas e nos acordamos doutras persoas con fillos que ao mellor non teñen as mesmas posibilidades que as que aínda conservan o posto de traballo. Pero a verdade é que Pontevedra está a dar todo o ano unha lección a moita xente. Os froitos que se están recollendo agora en torno a esta lamentable crise que estamos a vivir son froitos que levan anos e anos facéndose. A cohesión social, a concepción de formar parte dunha sociedade é algo tamén educativo, que hai que promovelo. Iso foi algo que se educou e promoveu moitísimo nesta cidade. E agora somos capaces de activar todo un mecanismo social de cobertura para outras familias que mais o precisan, case, case, sen despeitearnos. Activas unha urxencia e hai rapidamente persoas que se poñen a disposición para axudar. E non é unha cuestión individual, persoa a persoa, se non que é colectiva, da sociedade. Iso é o plus máis importante que se conseguiu.

-¿Cal é o balance de Redeaxuda despois de case dous anos?

-O balance non pode ser máis positivo. Coordinar as asociacións coas que o Concello ten convenios de colaboración, activar un pouco programas máis novidosos que cheguen a máis sectores, eu creo que era unha necesidade que foi moi ben acollida e está sendo unha realidade bastante gratificante.

-¿O novo reto é crear unha rede de voluntariado?

-Si. O novo reto é poñer en marcha o próximo ano un programa de voluntariado vinculado a Redeaxuda, que creo que vai dar tamén moitas satisfaccións. Organizar toda esa marea de solidariedade e de colaboración duns con outros é un proxecto moi ilusionante. Hai que ter claro que o perfil do voluntario, como o perfil do usuario, cambiou moito. O que se está dando é unha colaboración entre as clases traballadoras, que teñen claro que se non nos botamos entre nós unha man, non nola vai botar ninguén.