Reencontro con colegas e alumnos

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

Fina Casalderrey foi homenaxeada pola Asociación Galega do Libro Infantil no instituto Illa de Tambo no que foi docente moitos anos

12 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

1O pasado de mestra de Fina Casalderrey é ben coñecido e va moi unido a súa faceta de escritora. Como docente viviu o fervedoiro do comezo da normalización e nas aulas fíxose forte o seu compromiso coa lingua galega, ata o punto de que non empezou a publicar ata que puido facelo en galego. Os seus alumnos foron á vez fonte de inspiración e depositarios da súa creatividade como contadora de historias, e onte volveu ao IES Illa de Tambo de Marín, o centro onde exerceu os últimos dez anos antes de xubilarse, e alí reencontrouse con estudantes, antigos compañeiros de profesión e tamén con algúns dos seus colegas escritores máis queridos. O centro marinense foi o lugar elixido pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) para homenaxeala, investíndoa como Socia de Honra, un novo recoñecemento que lle chega tan só vinte días despois do seu ingreso na Real Academia Galega.

Oencargado de ler o «laudatio» que recoñece a Fina Casalderrey como socia de honra de Gálix foi o seu admirado Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil como ela, e que o ano pasado recibiu tamén esta mesma distinción da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, unha honra que antes lle foi concedida a Xosé Neira Vilas. No acto interpretouse unha peza musical a cargo de Víctor Alfonso Castro quen, con Laura Manuela García Ferro, musicou un texto de Casalderrey que ven de ser publicado no libro Tambo de Edicións do Cumio. A próxima homenaxe que recibirá a escritora pontevedresa será no Salón do Libro, que na edición do 2014 fará un recoñecemento conxunto a todos os autores distinguidos na súa historia: María Victoria Moreno, Neira Vilas, Bernardino Graña, Xabier P. Docampo, Fernández Paz, a propia Fina, Paco Martín, Gloria Sánchez e Marilar Aleixander.

Melómanos

2Víctor Lorenzo, músico é escultor, é o autor das estatuíñas de madeira que se entregarán mañá aos gañadores dos Premios Galegos da Música, patrocinados por Bodegas Martín Códax. Estes días ultimou no seu taller de Nigrán os pequenos detalles das pezas, unha colección de catorce figuras de 45 centímetros de alto feitas en cedro, que el bautizou como Os Melómanos. Son sete homes e sete mulleres que teñen en común a factura grosa que resulta do seu xeito de achegarse á madeira. Desde a súa dobre condición de músico e escultor, Lorenzo perfilouse dende o comezo como «o artista perfecto para comprender e materializar este delicado encargo, destinado a encher de simbolismo un momento emocionante e histórico», según os organizadores do evento. O Pazo da Cultura de Pontevedra está xa preparado para acoller este venres, as 21 horas, a gala da primeira edición dos Premios Galegos da Musica. A cerimonia contará coa dirección artística do grupo de teatro Chévere.