O concelleiro admite que tal vez non é tan necesario un novo PXOM
06 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Mosquera leva sete anos guiando a tramitación do novo Plan Xeral de Ordeación Municipal (PXOM). O documento está listo, e nun par de meses vaise enviar de novo á Xunta para a súa aprobación inicial. Pero o proceso aínda vai ir para largo.
-¿Está adaptado o novo Plan ás esixencias da Xunta?
-Está adaptado á lexislación. Obviamente ás determinacións da Xunta, non. Se intenta xustificar o que hai e as razóns polas que non se atenden as esixencias da Xunta, corríxense erros, adáptase ás novas normativas e ao POL... Pero non cumpre có que quere impoñer a Xunta.
-¿Por que?
-O resumo do informe da Xunta é: no que é solo urbano actual autorizan como moito o que xa hai; e de ningunha maneira autorizan máis. E no rural, aproban menos do que hai, impoñen recortes. Do que máis se fala na rúa é do tema da vivenda, onde construír e onde non. Ese é un aspecto, pero a Xunta cuestiona todo, tamén os usos industriais e dotacionais. Poño un exemplo: o plan propón ata oito novos polígonos industriais ou ampliacións dos que xa hai. A Xunta túmbaos todos.
-¿Existe algunha razón?
-Eu quero pensar que está a suceder algo parecido ao que sucedeu có POL, que nun principio era unha proposta disparatada e moi mal aquilatada, e unha vez estudado e tras o período de suxerencias, a Xunta cambiou radicalmente. Agora o POL está dentro duns parámetros razoábeis.
-¿Cree vostede que é un informe meramente técnico ou ve un trasfondo político?
-É un documento público, e non ten moito sentido facer interpretacións políticas do que está en documentos públicos. Un plano é algo obxectivo, non hai interpretacións, e o que estamos a facer é trasladar a planos o que di a Xunta no seu informe, e o resultado é preocupante. Poñen problemas onde realmente non os hai. E estou a falar da Xunta, non do goberno de turno. Non existe un criterio concreto e iso complícao todo.
-Diante deste panorama, ¿cal e o futuro do Plan, que tanta falta lle fai a Pontevedra?
-É que o problema de que tanta falta fai ou non... Depende para que. A aprobación dun plan supón cousas como a suspensión de licenzas, un período de adaptación para a posta en marcha, tramitacións... Se todo iso da como resultado deixar as cousas como están ou aínda máis restrinxidas, pois non vexo esa gran transcendencia. Probablemente tería efectos negativos se o plan é o que di a Xunta.
-¿Está dicindo vostede que é mellor quedar có plan actual e renunciar a facer o novo?
-Home, levamos varios anos facendo un esforzo importante e non estamos gastando os cartos para nada... Pero ou hai un horizonte de futuro que ordene o crecemento da cidade, en todos os aspectos, ou se non o panorama é complicado. Eu quero insistir nunha cuestión, que tal vez non está ben transmitida: dende o ano 2003 os plans de urbanismo son instrumentos da Xunta, non dos concellos. Seguramente sería mellor que os fixeran eles.
«O novo Plan
está adaptado á lei. Obviamente, ás determinacións da Xunta non»