Comezou na música por amor e fixo dela a súa forma de vida; aos 12 anos empezou a viaxar cunha orquestra e desde entón ve cambiar o mundo subido nun escenario
26 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.María Santalla Lito Garrido -ou Lito de Panorama, como lle chama moita xente-, comezou na música de ben pequeno, e fíxoo por amor. Tiña só nove anos cando se formou un grupo de gaitas en Sanxenxo, a súa vila natal. Foi a profesora que tiña na escola a que lle propuxo integrarse nesa formación. «A verdade é que nese momento estaba namorado da profesora e o que ela dicía, eu aló ía», conta. Despois comprobou que aquilo non estaba tan mal e comezou a dar clases cun veciño que tocaba o saxo.
Pronto deu o salto ás orquestras, e cando tiña só doce aniños comezou a moverse de verbena en verbena. «Levaba practicamente seis meses co saxo, fixéronme unha proba e empecei», lembra. O paso ao canto débello a Pedrito Fernández, que daquela estaba de moda. No grupo no que traballaba puxérono a cantar as súas cancións e así se iniciou como voz, primeiro alternando esta faceta coa de músico, e desde hai trece anos, de xeito exclusivo. «Empecei máis ben de casualidade, non tiña unha atracción especial, pero despois a verdade é que me gustou. Nunca me dou tempo de aburrirme, como tocaba e cantaba».
Desde eses doce anos xa non parou nunca. Era moi cativo, pero non o coutaba andar só polo mundo. «Con trece e catorce anos, cun grupo de alí da zona fomos tocar a Alemaña. Con trece anos marchei eu só para Alemaña dous meses». Tiña dezasete cando deu o salto e marchou para un grupo de Pontevedra que se chamaba Solano, onde empezou «a ter un soldo, porque nos grupos repartiamos os beneficios», explica. Despois veu Show Pau, e máis tarde Ángel Israel, unha orquestra que naqueles anos tiña moito éxito. Ata que en novembro do 93 entrou en Panorama.
O certo é que en todos estes anos as cousas mudaron moito. Nos campos das festas e sobre os escenarios tamén. «O cambio máis radical foi que cando empecei as orquestras eran nosas, dos músicos e dos cantantes. Agora iso cambiou. Desde que viñeron os grandes escenarios temos un soldo», relata, e engade que agora levan «para dentro, para nós, o dobre de vatios que levabamos daquela para a xente».
Volve a xuventude
Pero non só encima dos palcos cambiaron as cousas. Tamén o público tivo varias épocas: «Hai doce anos ou así a xuventude deixou de ir ás festas. Agora hai uns anos que está volvendo. Comezou a volver na provincia da Coruña e agora está pasando noutros lugares, incluso aquí na comarca». Para Lito Garrido esta recuperación dos máis novos conseguírona «unhas cantas orquestras que hai uns anos decidimos incorporar un pouco máis de repertorio moderno».
Precisamente no repertorio produciuse outra das grandes transformacións. Lito, que se encarga deste aspecto en Panorama, lembra que antes a lista de cancións que se interpretaban nas festas «montábase a metade pensando na xente e a outra metade era o que nos gustaba a nós». Agora deséñase pensando exclusivamente no público. «É complicado, porque o cambiamos dun ano para outro. É a base de todo, pero é difícil, porque se un ano che sae ben, para o seguinte hai que mellorar».
Panorama figura no grupo das grandes orquestras de Galicia. Pero para que iso sexa posible fai falla moito traballo e tamén moita innovación. «Agora nós levamos cada ano un musical duns quince minutos. Antes cantabas e chegaba con cantar ben, agora tes que ser actor e bailarín», e isto fai que para os cantantes sexa «máis complicado». «Antes un cantante que tivera un estilo e cantara ben xa era un gran cantante. Agora tes que ser máis versátil e cantar de todo», afirma. De feito, Lito este ano fará ata de Gene Kelly.
Lito recoñece que no mundo das orquestras existe a competencia, pero «sa». De portas para dentro, «ter unha boa relación é moi importante, porque é coma unha familia. Nós somos 25 persoas traballando e é lóxico que haxa algún roce. Pero levarse ben e facer o traballo con humor é fundamental».
Nunca se parou a contar os quilómetros que pode facer nunha tempada, pero deben sumar moitos, porque «en nove meses facemos 200 e pico festas». Aínda que non teñen que saír moito de Galicia, a media é de doce horas fóra da casa cada día. «Vivimos ao revés do resto da xente. É moi sacrificado en tempo e en certas cousas que non podemos facer. O que ten a cambio é que normalmente traballamos no que nos gusta», di a voz de Panorama.
Sacrificio moito. Pero tamén é certo que anécdotas poden contar todos os músicos milleiros delas. E Lito non vai ser menos. Lembra, por exemplo, que cando comezou a tocar o saxo era case máis grande ca el. Chamaba tanto a atención velo que «nunha procesión en Ourense o cura púxose a mirar para atrás, para min, e caeu».
Con todo, unha das cousas que máis valora é a posibilidade que o seu traballo lle deu de coñecer a algúns dos seus ídolos. Con motivo da gala contra o cancro que organiza a súa orquestra, tivo a oportunidade, por exemplo, de coñecer a Sergio Dalma e ata de pasar varios días preto del.