As noites máis abertas

Chelo Lago

PONTEVEDRA

O local de ensaio e a senda do Lérez súmanse aos espazos de lecer para os mozos nas fins de semana

03 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O local de ensaio e a senda do Lérez ábrense este ano ás actividades de Noites abertas, o programa de lecer para a mocidade de 12 a 30 anos que promove o Concello. Os novos espazós súmanse aos habituais da Casa Azul, Colexio Froebel, Pavillón Multiusos, Pavillón Municipal, campo de herba sintética da Xunqueira, sendeiro do Gafos e praza da Peregrina, nos que se desenvolverán máis de 50 actividades deportivas, lúdicas, culturais e formativas.

O programa, que este ano chega a súa 11 edición, bota a andar esta fin de semana, e remata o 29 de maio co Jam da Chicharra.

O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez Xunqueira, subliñou que as actividades vanse adaptando aos usuarios, dacordo cas enquisas realizadas o ano pasado. A idea é, na medida do posible, atender as suxestións dos mozos para facer un programa o máis atractivo posible.

Tamén engadiu que Noites abertas, dentro do seu afán por adaptarse á sociedade, xa está nas redes sociais Myspace, Faceboock, Twitter, onde poderase ver a súa programación.

A presentación desta nova edición asistiu tamén o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Dinamización Sociocultural, Anxos Riveiro, e o director xeral de Deportes, Jaime Agulló.

Avaliación externa

Fernández Lores comentou que Noites abertas comezou de forma tímida e a súa actividade foise incrementando ca axuda das moitas entidades implicadas que as fan posible. «Como alcalde síntome orgulloso -dixo- de que Pontevedra fóra xa no seu día unha cidade pioneira na busca de alternativas ao ocio nocturno».

O concelleiro Demetrio Gómez anunciou que este ano Noites abertas someterase a un proceso de avaliación externa ca participación activa de todas as persoas e colectivos implicados no seu desenvolvemento, así como dos propios participantes nas actividades. O que se pretende é sacarlle a maior rendibilidade ao programa.

A presentación das actividades tivo lugar no local de ensaio, cuios responsables recibiron os parabéns das autoridades, por mor do seu bo funcionamento.

O acto contou coa música do grupo Pi º, banda local que ensaia no local de música e que o ano pasado gañou o concurso GZ Crea na súa categoría.

O programa conta co apoio, un ano máis, do Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidad y Política Social, que aporta unha subvención de 50.427 euros que se ven a sumar a unha dotación municipal similar para o desenvolvemento deste proxecto.