Carlos Javier Güimil foi nomeado hai unha semana presidente da asociación Atril, que agrupa aos pais de alumnos da escola de música de Vilagarcía e do conservatorio.
-Estamos aínda en plena transición. Agora teño que configurar unha nova directiva e continuar coa labor da anterior directiva, presidida por Xermán Torres, que foi moita e boa, pero aínda quedan cousas por facer.
-¿Pódese falar xa de proxectos?
-Polo momento hai que facer unha folla de ruta sobre o que queda por facer, pero hai algunha cousa que si habería que cambiar. A escola de música está funcionando nun edificio moi antigo que non é o máis axeitado, con certas carencias, incluso de seguridade. O conservatorio funciona ben, pero na escola hai 500 alumnos para doce profesores, é unha ratio moi alta.
-Vostede xa tiña contacto con Atril.
-Levaba aproximadamente dous anos formando parte da directiva, pero mentres estivo como presidente Xermán Torres, o peso recaía nel, porque é un home moi comprometido.
-¿Cre que o Concello apoia suficientemente o ensino musical?
-Posiblemente a actual concelleira (Susana Camiño) fixo máis do que ninguén fixera antes dela, pero si que se pode facer máis. Quero que a asociación sexa un elemento de colaboración, pero tamén hai cousas sobre as que hai que facer presión. O Concello pode facer máis, sobre todo se conta coa nosa opinión.