Os premios máis retranqueiros

Chelo Lago consuelo.lago@lavoz.es

PONTEVEDRA

31 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Onte se deron a coñecer os premios Xoán Manuel Pintos que recaeron na empresa Rei Zentolo e nas Romaxes de Crentes Galegos, nos ámbitos local e nacional, respectivamente. Os galardóns, sen dotación económica, queren recoñecer publicamente a aquelas persoas ou entidades que axudan a impulsar a presenza da lingua galega na sociedade. No caso de Rei Zentolo, o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, subliñou que se trata dunha empresa do sector téxtil innovadora que desde Pontevedra, e «coa materia prima da lingua galega, da nosa cultura e botando man da retranca, consegue chegar a un amplo sector da poboación especialmente á xente nova». E ademais, serviu de modelo para outras empresas semellantes. E se Rei Zentolo utiliza nos seus deseños a retranca, non houbo retranca na concesión do premio de ámbito nacional a unha manifestación relixiosa. Das Romaxes de Crentes Galegos subliñou Demetrio Gómez que se trata dun proxecto popular e social que dende o ano 1978 utilizan a lingua galega. No segundo sábado de setembro veñen organizando unha romaxe itinerante fomentando desde a fe, o compromiso coa lingua e cultura galegas. «Parten da nosa cultura e da nosa lingua -dixo o concelleiro- e lígano co máis avanzado, e neste caso temos que falar da teoloxía da liberación e as correntes máis avanzadas dentro da Igrexa Católica». Os premios entregaranse en novembro.

A revista galega de humor Retranca celebrou onte por todo o alto o seu segundo aniversario, ou como di o seu director, Kiko Da Silva, o seu segundo cabodano, por aquilo de que ninguén lle daba moito tempo de vida. Para celebralo reuníronse no Café Moderno colaboradores e amigos, que asistiron á presentación do novo número e coñeceron as novidades que ofrecerá a partir do vindeiro, como un suplemento de lingua, por suposto, sempre en clave de humor, e as novas series que están a preparar. E con moito humor, Kiko Da Silva fixo un monólogo non exento de retranca, repasando os temas tratados neste ano dende a controversia da lingua ao cambio de goberno, pasando pola gripe A. Tamén presentáronse as camisolas de superheroes retranqueiros, que se poden mercar na web da revista, na librería Paz ou no local de Retranca, ao prezo de 15 euros, e 12 os subscritores. A parte musical estivo a cargo dun trío do Seminario Permanente de Jazz. Para rematar e como non podía ser menos, houbo unha paparota para os asistentes.

Alberto García-Alix, un dos fotógrafos españois máis recoñecidos internacionalmente, volveu a Pontevedra non para expoñer a súa obra, como fixera ai dous anos no Café Moderno, senón para exercer de profesor. Estivo na Facultade de Ciencias Sociais, co salón de graos completamente cheo, para participar no seminario Miradas e visións: dúas propostas en torno á fotografía, xunto con Juan Pablo Moreiras, que percorreu medio mundo para amosar o fráxil equilibrio da relación do home coa natureza. O artista leonés, Premio Nacional de Fotografía en 1999 e 2008 e un dos estandartes da chamada movida madrileña, falou da súa longa experiencia e dixo que non lle gustan os excesos da fotografía dixital, desde «la creación de espacios oníricos demasiado realistas» hasta «el exceso de mentira con el retoque» que conducen a «una pérdida de poesía». Por iso segue utilizando a súa cámara de sempre ca que forma «una pareja estable».