A asociación vai incorporar produtos galegos «porque o comercio xusto debe ser no Norte e no Sur»
04 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.En outubro de 1999 Amarante comezou a funcionar con cinco socios, que traballaban nun cíber de San Antoniño. Na actualidade son 257, aos que hai que unir activistas e donantes. Onte a primeira oenega que se creou en Pontevedra celebrou cunha festa na praza do Teucro estes dez anos nos que tamén pasaron dun orzamento de 300 euros ao actual de máis 300.000 e no que conseguiron manter cinco tendas de comercio xusto en cinco cidades galegas, algunhas delas xa autosuficintes. -O crecemento da organización foi espectacular neste dez anos. -A verdade é que si. Estamos bastante contentos porque isto se fixo posible grazas á cidadanía que nos foi apoiando en cada un dos pasos que fomos dando. E agora podemos dicir que xa temos presenza en cinco localidades de toda Galicia e a nosa esperanza é que podamos seguir crecendo e consolidándonos ata as sete. -¿E como se consegue isto? -Con moita constancia e tendo claro o proxecto político que queríamos facer. Tiñamos moi claro que queríamos dedicarnos a unhas liñas concretas, ocupar un espazo que moitas veces en Galicia tampouco existía, non había ningunha organización de ámbito galego, que traballara dentro da sociedade galega, que tentara creara redes aquí e olvidara un pouco de espallarse cara ao exterior. E creo que iso foi parte do noso éxito, ter esa identidade propia galega e construír desde aquí. -¿De onde ven este orzamento? -Os cartos, parte importante, aínda que estamos empezando a equilibrar, veñen de subvencións das administracións pública. Agora grazas ás nosas tendas de comercio xusto, os socios e donantes que temos estamos tentando non depender tanto da administración para ter unha autofinanciación. Estamos tentando crear tamén unha distribuidora con produtos de comercio xusto que nos poida axudar a ter esa independencia económica. -¿Cales son os proxectos ou os obxectivos principais que se marca Amarante ? -Pois agora estamos nun punto de revisión, porque estamos traballando co noso plano estratéxico e a idea é fortalecer a mobilización social. Ir a unha organización máis de mobilización social, de denuncia, de presión, de sensibilización social, sobre todo nos temas do consumo responsable. E tamén nas causas da pobreza e das políticas internacionais que están afectando a miles de países empobrecidos. Os próximos anos será importante crear moita máis sociedade crítica, moitas máis accións de rúa das que estabamos facendo e centrarnos máis en campañas de denuncia e sensibilización do que son as desigualdades sobre o sistema neoliberal actual e os impactos que teñen as nosas empresas no Sur. Xa tiñamos traballado no sector do téxtil con Adolfo Domínguez e Inditex e queremos abrir novas vías e traballar con outros sectores como pode ser Pescanova ou Caixa Galicia no tema de finanzas éticas que unha das campañas novas que temos. - ¿E o comercio xusto? -Non imos abandonar o comercio xusto pero non vai ser o eixo prioritario como ata agora. De feito queremos darlle un xiro a todo este tema, e dentro do que é a soberanía alimentaria que xa levamos traballando dende hai uns anos, imos incorporar produtos locais de Galicia, con produtores locais, porque entendemos que o comercio xusto debe ser no norte e no sur. Tamén centrarémonos máis na distribución e importación propia de produtos claves e abriremos unha nova liña cos cafés, etiquetados en galego co logo de Amarante, para distribuír a través das administracións públicas, cafeterías, hoteis e non so centrado nas nosas tendas. -¿Canta xente traballa agora mesmo ca organización? -Temos a cinco persoas contratadas, que están traballando repartidas en Ourense, Vigo, Pontevedra e Santiago. Temos 250 activistas aparte dos socios e agora estamos creando un grupo tamén na Coruña.