«Non son nada bo escritor»

PONTEVEDRA

O máximo responsable do ministerio público ne Galicia cre que saiu airoso do reto de facer un libro sobre O Morrazo

12 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando lle pediron que prologase Mares e terras do Morrazo, Carlos Varela, fiscal superior de Galicia, asumiu unha tarefa da que non tiña claro se ía saír airoso. Non en van, el mesmo recoñece que «non son nada bo escritor».

-¿É cal foi o resultado final co libro xa unha vez impreso e no mercado?

-Creo que saín airoso. Estiven un tempo esperando a que me comunicaran se dera no cravo en canto a interpretación que eu facía e me comunicaron que acertara. Síntome moi agradecido de ter esta oportunidade.

-¿Que sentiu cando lle propuxeron esta tarefa dentro dunha faceta literaria?

-Sentinme moi honrado e, ao mesmo tempo, asumindo un compromiso que non sabía se podería saír del. Co prologo quería conectar coas ideas que querían ser significadas no libro e curiosamente. vin que a tarefa se simplificaba na medida en que había unhas fotografías que revelaban unhas paisaxes extraordinarias e polo tanto o discurso, o prologo, recorreu por esas lides.

-Sen esquecer o pasado histórico do Morrazo...

-Conectei con todos os aspectos históricos que son característicos da península do Morrazo, pero particularmente dos deste enclave emblemático e dende onde hai unha visión extraordinaria da entrada da ría de Vigo, que é o Facho de Donón. Alí foi establecido o antigo culto do deus Lar Bero Breo. Lendo o resultado das escavacións arqueolóxicas descubrín que aí existira un obradoiro de aras. Dalgunha maneira foi a primeira empresa que houbo no Morrazo.

-Moito ten cambiado dende entón a morfoloxía do territorio galeglo. Sen ir máis lonxe, hai uns días transcendeu que o equipo de investigación de delitos urbanísticos da Garda Civil de Pontevedra, aparentemente, está desbordado. ¿En que medida afecta isto ao ministerio público?

-Cando hai unha investigación por un presunto delito urbanístico, nos sempre temos que empregar unidades de policía xudicial. A Fiscalía e os órganos xudiciais valémonos dos investigadores, que están especializados, neste caso, en urbanismo tanto da Policía Nacional como da Garda Civil. Sen estas unidades as investigacións non poden prosperar, xa que son investigacións complexas, que esixen moito tempo de dedicación e, polo tanto, son unidades que teñen que estar ben dotadas de persoal. Neste intre, dende o momento que se producen denuncias urbanísticas de certa entidade cuantitativa, estes equipos vense desbordados porque están poucos axentes ao fronte dos mesmos. Precisamos potencialos para conseguir que estas investigacións cheguen a bo camiño.

-¿Cal pode ser unha posible solución neste momento a esta situación?

-Ben. Eu me dirixín non hai moito tempo por carta ao secretario de Estado de Interior en onde lle pedía unha unidade do Seprona a nivel de comunidade autónoma e que puidera quedar adscrita á Fiscalía Superior de Galicia e partir de aí que poidera traballar todos estes aspectos que temos en común. Son o patrimonio histórico, medio ambiente e o urbanismo. Houbo boas palabras por parte do secretario de Estado na resposta que me mandou e, en canto teña oportunidade de acometer estar realidade, poderemos dispoñer dunha unidade deste tipo. Sería moito máis operativa do que actualmente poden ser en canto que están desbordados.

-Entón, ¿o Goberno dá o visto bo a unidade do Seprona adscrita á Fiscalía?

-Si, di que si. Di que ten que despregar operativos do Seprona por toda España, pero que unha vez que complete este despregue en sitios onde non existía ata o de agora, abordaría a creación das unidades especializadas nos termos que se lle viñan propoñendo.

-No caso de Pontevedra, e por extensión ao resto de Galicia, ¿a falta destes medios paralizou algunha investigación?

-Non. O único que sucede é que normalmente a Fiscalía dispón dun prazo para facer as súas investigacións que é de seis meses e algunhas veces non se puido facer a investigación nese prazo perentorio e polo tanto houbo que xudicializar para que un xulgado de Instrución continuara coa súa investigación. O xulgado xa non ten ese límite en canto as súas investigacións. O certo é que nos houbera gustado levar ao xulgado de instrución unha investigación moito máis elaborada.