A Ferrería falou galego

Chelo Lago consuelo.lago@lavoz.es

PONTEVEDRA

Preto de 3.000 rapaces encheron onte pola mañá a praza da Ferrería na máis numerosa edición do Correlingua, unha proposta lúdico educativa que reivindica o dereito de medrar e de falar en galego. Cun sol de xustiza e unha temperatura que chegou aos 25 graos, os alumnos pasaron unha xornada de festa con moita calor. Os escolares fixeron un percorrido polo casco histórico da cidade, con pancartas e lemas alusivos ao uso da lingua. E chegaron de novo a Ferrería, onde non faltou a auga e a froita para repoñer forzas e hidratarse.

A práctica totalidade dos participantes levaban a camiseta co lema deste ano: En galego! Pásao. E moitos deles tiñan pegadas todo tipo de palabras en galego, amosando o riqueza da lingua. Tamén había pancartas e lemas como Na escola tamén caben 365 días en galego, do CEIP A Xunqueira 1 ou outras como En galego por todas partes ou Apostamos polo galego, xunto con citas de autores como «Que tódalas xentes nosas leven gravado no peito a orgulleza de ser nados en Galicia, árdelle o eixo».

Xa na Ferrería foron recibidos polo grupo de teatro Migallas, e deulles a benvida o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quen dixo que «a nosa lingua é máis bonita do mundo, nin peor nin mellor que outras» e subliñou que «a vosa presenza é unha garantía de futuro para o galego». E rematou cun ¡Viva o galego!, secundado polos rapaces, e «Mil primaveras máis para o galego», a popular frase do escritor e galeguista Celso Emilio Ferreiro.

Logo chegou a quenda para as cancións, coreadas especialmente polos máis catiforon quen de animarse a bailar o Rap da lingua, interpretado, como as demais, por Migallas Teatro. Un grupo de rapaces de quinto B do CEIP A Xunqueira 1, finalistas no certame de banda deseñada, foron os encargados de ler o manifesto do Correlingua 2009, titulado Os concienciados, e feito polo grupo de cuarto curso da ESO do CPI de Panxón Nigrán. «Parece mentira -di o texto- que de ser unha lingua de cultura en que se escribiron as cantigas medievais en toda a Península, aínda haxa xente hoxe que diga que a lingua galega é unha lingua inferior». E remata facendo un chamado ao uso do galego pois cada vez hai menos galegofalantes novos. «Está nas nosas mans cambiar a situación». O acto concluíu coa entrega de lotes de libros e un globo xigante a cada un dos máis de trinta centros participantes, dos concellos de Pontevedra, Marín, Bueu, Poio, Meis, Vilaboa, Cotobade, Soutomaior e Ponte Caldelas. Logo, todos a unha, soltaron os globos que subiron cara o ceo simbolizando a carreira da lingua que percorrerá o país ata o vindeiro día 15.