Por unha vida saudable

PONTEVEDRA

Unha carpa instalada na Praza da Peregrina ofrecerá recomendacións para previr enfermidades

20 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Quizais o Nadal non é a mellor época para comezar unha dieta e tratar de levar hábitos saudables. Ou quizais por iso, é o mellor momento para empezar a controlarse nas copiosas ceas que tomaremos todos nós dentro duns días. Pensando niso precisamente, a Consellería de Sanidade poñerá mañá unha carpa na Praza da Peregrina co fin de informar á cidadanía dos contidos preventivos do Programa Galego de Actividades Saudables, Exercicio e Alimentación (PASEA).

Esta carpa estará atendida por profesionais, diplomados en enfermería, educadores físicos e farmacéuticos. Nela as persoas que acudan recibirán material informativo e ofreceranlle recomendacións e consellos específicos referentes á dieta, ao exercicio físico e axuda para deixar o mal hábito do tabaco.

Tamén se avaliará a composición corporal, efectuaranse as medicións de monóxido de carbono e tratarase de incidir nos aspectos dunha vida saudable. Entre outras recomendacións, destaca a de levar unha dieta saudable rica en peixe e froitos do mar, vexetais e froita. Tamén é moi recomendable o uso do aceite de oliva e o consumo de leites e derivados. Os expertos recomendarán aos visitantes da carpa a limitación das graxas de orixe animal e a diminución do consumo de azúcraos.

A boa costume de ir camiñando ao traballo, non utilizar o ascensor, dar 10.000 pasos ao día ou realizar exercicio físico de forma frecuente irán en beneficio dunha vida saudable. Ademais, a vida sen tabaco e a máxima moderación no consumo de alcohol serán os consellos que terán cabida na carpa instalada na Praza da Peregrina.

Prevención, a mellor arma

As enfermidades causan ata o 62 por cento da mortalidade de Galicia. E a prevención contribúe a reducir os problemas de saúde. Principalmente, preocupa que na última década a obesidade infantil multiplicouse por tres e máis dun 25 por cento da mocidade presentan sobrepeso. Ademais, un 65 por cento está por riba do seu peso ideal e, dentro desta porcentaxe, un 23 por cento padece obesidade.

Este programa ten por obxectivo frear a tendencia crecente das taxas de sobrepeso e a obesidade xeral infantil en Galicia. Segundo a Consellería de Sanidade estas campañas informativas de promoción da saúde teñen demostrado a súa efectividade e eficiencia fronte á mera curación das doenzas da poboación. Pero desde esta institución destaca a importancia de adquisición de hábitos saudables desde a infancia, a familia e a escola, aínda que está comprobado que nunca é tarde para comezar a coidar a propia saúde.