Nove concellos conforman a rede de feiras sustentables

Ch. L.

PONTEVEDRA

Nove concellos da provincia conforman, de momento, a rede de Feiras Galicia Sustentable, que os seus promotores -organizacións e asociacións vencelladas ao medio rural e responsables da Xunta- pretenden expandir por toda a Comunidade.

Trátase dunha iniciativa fundamental «para poñer en valor os nosos produtos», segundo dixo o delegado de Medio Rural, Gonzalo Constenla, onte na presentación destas feiras, na que tamén estiveron representantes da Consellería de Innovación e Industria, concellos e diversas asociacións que organizan as distintas citas.

Este circuíto de feiras, que agrupa algunhas que xa se viñan celebrando, como a de Outono de Pontevedra que vai pola súa décima edición, pretende, ademais de poñer en contacto aos organizadores, propiciar a aparición doutras novas, como a da Pedreira, en A Lama, que se estrea este ano, concretamente o 23 de agosto.

Asemesmo, trátase dunha aposta polo comercio de proximidade e por ofrecer unha canle de comercialización que beneficie tanto ao produtor como ao consumidor, pois evítanse intermediarios que encarezan o produto.

Calendario fixo

Con esta rede que ten un calendario fixo, tamén se pretende facilitar a planificación dos produtores que acoden cos seus alimentos, artesanía ou gando.

Nestes mercados haberá produtos agroalimentarios galegos, desde os amparados por denominacións de orixe ou calidade e de agricultura ecolóxica de Galicia, ata os denominados produtos da casa, como verduras, legumes, queixos, pan, ovos ou carne, xunto con artesanía. Tamén haberá exposición de razas autóctonas e non faltarán os obradoiros e outras actividades lúdicas, como concertos, contacontos, etcétera.

As feiras desenvolveranse ao longo de todo este ano e as primeiras, logo da Festa da Vincha de Cerdedo, que se celebrou en febreiro pasado, será as de ArtenaIlla, na Illa do Samertolameu, en Moaña, que terá lugar mañá, e a de Cuspedriños, en Cotobade, que será o domingo.

As seguintes citas serán na Agro de camba, en Rodeiro, o 20 de xullo, a citada de A Lama, e a da Estrada, os días 10 e 11 de outubro.

Logo celebraranse a Feira dos Cogomelos, de Soutelo de Montes, Forcarei, a finais de outubro, e a do Outono de Ponteareas, os días 1 e 2 de novembro. E pecha este calendario a Feira do Outono de Pontevedra, o 15 e 16 de novembro.