Solidariedade Internacional propón catro destinos no verán para cooperantes no Sáhara e Hispanoamérica
13 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A organización non gobernamental Solidariedade Internacional presentou unha nova edición das súas vacacións solidarias. Baixo o lema Este verán tes moito que compartir, a entidade propón catro destinos en África e hispanoamérica, para coñecer de primeira man en proxectos de cooperación que se desenvolven neses lugares.
Os destinos son Saraguro e Coca, en Ecuador; Pampojilá e Xela, en Guatemala; Departamento de La Paz (Bolivia) e Tindouf, e o prezo é de 1.795 , 1.680, 1.815 e 1.005 euros, respectivamente.
Neste último destino e durante quince días do mes de outubro, os voluntarios poderán coñecer a realidade da poboación refuxiada saharauí, con visitas a diferentes wilayas e encontros con colectivos saharauís. En Bolivia, as vacacións solidarias serán do 6 ao 28 de agosto, e os asistentes poderán colaborar en proxectos agrícolas en Quime ou Larecaja ou na cidade de El Alto, en proxectos de xénero.
En Guatemala, as estancias serán do 3 ao 30 de xullo e os asistentes poderán participar en traballos non cualificados na construción de vivendas para poboación vulnerable e en actividades de sensibilización sobre a prevención do sida e da violencia. E no Ecuador, compartiranse experiencias con indíxenas de Saraguro e nas medioambientais nos proxectos na zona amazónica.
Para explicar estas actividades, o vindeiro venres, día 16, ás 20.30 horas, haberá unha sesión informativa na tenda de comercio xusto de SI nas galerías Oliva.
Os interesados poden informarse na web www.solidaridadgalicia.org. Ademais poden enviar as súas solicitudes por fax ao 981 243 506, indicando o destino que prefires xunto cos datos personais e a motivación para participar neste programa. O prazo de inscrición estará aberto ata que se cubran as prazas.
Café-coloquio
Por outra banda, Francisco José López, da cooperativa que agrupa a pequenos agricultores de Dipilto, Nicaragua, que venden o seu café na rede de comercio xusto, estará hoxe en Pontevedra para participar nun café-coloquio aberto á poboación. Será ás 20.30 horas, na mesma tenda de SI nas Galerías Oliva. Alí explicará as vantaxes que lles ofrece o comercio xusto. Ademais, mañá participará en obradoiros con rapaces do IES A Xunqueira 1 sobre o cultivo do café e a vida dos campesinos.