A Aula de Teatro reflexiona sobre o distinto trato social para xulgar vicios e defectos según quen os protagonice
19 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Xa se sabe que os vicios e os defectos poden ter distinta consideración social según quen sexa o seu protagonista. Para os personaxes paranoicos, enfermos e inadaptados de Eu quero ser Maradona, o astro arxentino do fútbol é o referente a seguir. Todos eles desexan convertirse en estrelas millonarias ás que se lles permite todo tipo de excesos.
Esta obra coral, na que participan doce actores, é o oitavo montaxe da Aula de Teatro Municipal desde a súa creación no ano 2000. Trátase dun espectáculo baseado en textos do dramaturgo hispano arxentino Rodrigo García, un autor que coa compañía madrileña La Carnicería Teatro ten obtido importantes éxitos na escea estatal e, sobre todo, en Francia. As súas producións son consideradas agresivas e os seus discursos resultan contrarios aos modelos socialmente establecidos coa intención de provocar a reacción e o estímulo do público.
Ironía e crítica social
En concreto, Eu quero ser Maradona parte dunha escolma de esceas recollidas de Notas de cocina, Compré una pala en Ikea para cavar mi tumba e La historia de Ronald, todas cargadas de ironía e crítica social.
Dos doce actores que participan na obra, con idades comprendidas entre os 17 e os 50 anos, catro deles non tiñan experiencia teatral previa. O reparto traballou durante sete meses nesta montaxe, dirixida por Anxo Lourido.
A música, con interpretacións en directo, está composta por Alberto Martínez, integrante del grupo rock pontevedrés Los villanos de Boraville, mentres que o vestiario corre a cargo da diseñadora pontevedresa Vanesa Collazo e os carteis e programas son obra de David López.
Desde a súa creación hai case oito anos, máis de cincuenta persoas pasaron xa pola Aula de Teatro Municipal, realizando traballos tanto interpretativos como escenográficos, de deseño de vestiario, iluminación ou creación musical.
Cada ano, o grupo pon en marcha a realización dun espectáculo que tanto ten a súa base en autores galegos (Un millón de vacas, de Manuel Rivas), en versións de clásicos teatrais (Ubú Rei, de Alfred Jarry) ou en textos propios, como A caída do conselleiro e Lixo.
A entrada ao Teatro Principal para asistir esta noite á presentación da obra Eu quero ser Maradona (a partir das 20.30 horas) é gratuíta.