O grupo de pop-rock El Eclipse volveu con forza ao panorama musical, refundado por Antonio Escudero. Acaba de presentar o seu primeiro disco, titulado A cara o cruz e en plena promoción.
Trátase da continuación dun proxecto artístico dos noventa coa recuperación de cancións da anterior etapa do grupo, con novos temas e novos compoñentes. Me lo pasaré bien e Esta noche, son a dúas cancións do CD sinxelo que acaban de lanzar e que gravaron coa produtora madrileña de Enrique Cajide, ex batería do grupo de rock Asfalto.
A música da Eclipse inspírase no pop-rock dos oitenta, pero cun selo propio. Os seus compoñentes son de Poio, Sanxenxo e Vilagarcía. Antonio Escudero, voz solista e guitarra rítmica, e Manuel Barreiro Lito, batería e percusión, xa pertencían á anterior formación. E Abraham Escudero (baixo), e María e Andrea (coros), son os novos integrantes.
Antonio Escudero, a alma mater da agrupación, ten unha ampla traxectoria musical. Iniciou a súa carreira nos anos oitenta fundando o grupo Mínima Expresión, do cal foi guitarrista e compositor. Este conxunto realizou multitude de concertos por toda Galicia e fixo directos con Hombres G, La Unión e Gabinete Caligari. ?Escudero abandonou Mínima Expresión para cumprir o servizo militar e ao seu regreso fundou co guitarrista Jorge Arousa El Eclipse, formación orixinaria de Poio. Foi o seu cantante e autor da musica e as letras dos seus temas e nesa etapa o grupo gravou un disco que soou moito nas emisoras de radio, ademais de proporcionarlle diversas aparicións en televisión.
A primeira formación de El Eclipse disolveuse nos anos 90, quedando o proxecto truncado, e Antonio Escudero dedicouse a cantar en distintas orquestras galegas. Este músico é, ademais, voz solista das cancións do Pontevedra F.C., a versión rock do himno do equipo granate e de temas como El imperio Granate ou Tanta gloria, tanto fútbol, escoitadas e celebradas nos partidos de Pasarón.
Agora volve retomar o proxecto artístico de El Eclipse con enerxías renovadas, novas cancións, ademais das orixinais da formación anterior, e con novos compoñentes. O grupo está agora centrado na promoción do seu disco A cara o cruz e prepara unha xira para este verán.