Curtas co móbil

Chelo Lago

PONTEVEDRA

Rapaces de ESO aprenden a crear audivisuais a través dos seus aparatos nun obradoiro do Salón do Libro

09 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Rapaces de Ensino Secundario de diversos centros da comarca participan desde onte, nun obradoiro de realización de curtas co teléfono móbil impartido pola empresa Mr. Misto e encadrado no programa de actividades do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Onte participaron 150 alumnos dos IES Valle Inclán, Torrente Ballester e A Xunqueira I.

A idea é desenvolver unha actividade lúdica e didáctica, á vez que moi creativa, aproveitando as novas tecnoloxías, e cambiar un pouco a tendencia negativa dos móbiles que poda ter unha parte da sociedade, tras as gravacións de escenas de abusos e pelexas entre rapaces que saíron a luz nos últimos tempos.

Miguel Fuentes e Xoán Mariño son os socios da empresa Mr. Misto Films, encargada de impartir estes obradoiros, que se desenvolverán no Pazo da Cultura ata o vindeiro martes.

A empresa, cunha ampla experiencia no eido da produción de obras audiovisuais, naceu no máster de produción audiovisual que imparte a Escola de Medios de Comunicación de La Voz de Galicia, unha innovadora proposta empresarial no eido do sector audiovisual galego.

Fuentes subliñou que os obradoiros son basicamente lúdico didácticos, e que se trata de aproveitar as novas tecnoloxías e aplicalas ao audiovisual.

«O que facemos -engadiu Miguel Fuentes- é con uns teléfonos móbiles de última xeración, que incorporan un software tanto de gravación como de edición, propoñemos aos rapaces que sexan eles mesmos os creadores das súas propias películas, dos seus curtos».

Nos obradoiros poténciase o traballo en grupo, pois os alumnos teñen que repartir as tareas de modo que uns fan de cámaras, outros de actores, outros buscan temas e crean un guión... e ademais, aproveitando a tecnoloxía, pois o propio equipo ten un sistema de montaxe que permite editar a película case instantanemente, termínase todo o proceso creativo.

Deste modo, nas case que dúas horas que duran os obradoiros, os rapaces conseguen pezas bastante creativas e dunha certa calidade e, o máis importante, teñen unha visión global de todo o proceso creativo, que van vendo paso a paso, pois pasan por todas as fases dunha película: desde que se xuntan para ver que van facer, a busca de actores, a gravación e a montaxe, discutindo onde se pon tal o cal plano, a música... en definitiva, todo o proceso.