Os pontevedreses acudiron ao tradicional mercado das flores para adornar as sepulturas dos seus familiares
01 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A praza da Ferrería converteuse onte nun verxel, repleto de flores de todas as cores, no tradicional mercado de defuntos que continúa hoxe.
A xornada, con sol radiante, fixo que moitas vendedoras se protexesen con gorros de papel. Aínda que a venda comezou floxa, foise arreglando ao longo da mañá, según algunha das vendedoras.
Os prezos do mercado, caros para os compradores e como sempre para os vendedores. Pero podíanse encontrar crisantemos de todas as cores e tamaños desde 0,60 euros a unidade; gladiaolos a 1,20 euros e rosas a 1 euro, sempre a unidade. Polo que respecta a ramos, os de claveis estaban a 7 euros, e os de margaridas e pompóns, entre 3 e 4 euros.
En canto a centros, tamén para todos os bolsillos, desde os máis baratos a 10 euros, con flores como crisantemos, pompóns ou margaridas, ata 45 euros con orquídeas.
Dolores Abelleira leva tres anos acudindo ao mercado da Ferrería e este ano nota unha menor afluencia de vendedores e de compradores. Ofrece tanto ramos como centros. «Os centros vendémolos a 15 euros os que levan lilium e gladiolos, e a 12 euros os de crisantemos, e para facelos traballamos case que toda a familia», comenta sorindo. Os crisantemos cultívanos eles mesmos en Pazos de Borbén.
Outra vendedora que leva moitos anos neste mercado e Romari, como é coñecida, que ven de Cangas e ofrece uns preciosos centros de orquídeas que teñen moi boa acollida. «Son flores máis orixinais -comenta-, e nós mantemos os prezos porque movemos moita cantidade. Un centro normal de orquídeas custa 30 euros, e se van máis cargado, pode chegar aos 35 ou áos 40 ou 45 euros se tamén levan algún anturio e son máis grandes». En canto a procedencia da flor, di que a orquídea e outras especies máis exóticas veñen de fora, «de Holanda ou de Nova Zelanda».
O mercado das flores continúa hoxe, aínda que moito máis reducido, porque moitos xa venderan pola tarde o material. En todo caso, o aceso de vehículos farase pola rúa Sarmiento e Pasantería ata a Ferrería, saíndo polo Paseo Antonio Odriozola, rúa Michelena e praza de España. O horario será de 6 ata as 10 horas. Unha vez finalizados os traballos de carga e descarga de mercadorías dentro do devandito horario establecido, os vehículos terán que ser retirados da zona de venda.