Tres programas procuran encontrar traballo a personas xitanas, sen teito e discapacitadas intelectuais
25 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Onte presentáronse en Pontevedra tres novidosos programas para acadar a inclusión social e laboral de tres sectores con dificultades para acceder a unha vida normalizada na sociedade. Trátase de xitanos, sen teito e discapacitados intelectuais e os proxectos estanse a levar a cabo coas asociacións Secretariado Xitano, Fundación Emaús e Asociación Síndrome de Down Xuntos, respectivamente, dentro do Plan Galego de Inclusión Social que ascende a 181 millóns de euros para os sete anos da súa vixencia, do 2007 ata o 2013.
A secretaria xeral do Benestar, Chus Lago, e máis o delegado provincial da presidencia, Francisco Xabier Verea, reuníronse onte con representantes de ditas asociacións, na sede de Xuntos, para explicar as liñas básicas de actuación do devandito plan, que pretende, entre outras cousas, crear unha rede de equipos de inclusión. Neste senso, apóstase pola territorialización de modo que haberá equipos de atención ademais de en Vigo e Pontevedra e na propia delegación, outros en O Morrazo, Vilagarcía, Gondomar e O Porriño, e logo haberá novas ubicacións nesta rede, para que todos os usuarios poidan ter un fácil acceso a eses equipos.
Representantes do Secretariado Xitano levan o programa Aceder desde o ano 2001 e tiveron 327 usuarios a maioría xitanos, pero tamén inmigrantes. Aseguran que en Pontevedra e o seu entorno haberá uns 600 xitanos, a maioría deles traballando na venta ambulante ou recollendo chatarra. Cando comezaron a súa actividade, só había 4 persoas con contratos por conta allea. Agora, no que vai de ano, conseguiron 71, co que o número de persoas de etnia xitana contratadas por empresas ascende a 144.
Pola súa banda, Emaús, que traballa con persoas con risco de exclusión social, levará a cabo o proxecto Tesela, para mellorar a empregabilidade destas persoas e que poidan acceder ao mercado laboral. Vai levar a cabo un obradoiro de introdución ao reciclaxe téxtil, de 92 horas de formación, dous días á semana, para 15 persoas e con titorías individualizadas.
E a Asociación pontevedresa para o Síndrome de Down Xuntos está a desenvolver un servizo de inclusión social e laboral, dividido en dúas fases, unha de valoracións dos usuarios e outra de inclusión socio laboral a base dun itinerario ocupacional básico que se dividide en tres ciclos formativos. No primeiro se exercen as habilidades básicas enfocadas cara ao emprego (cultura xeral, educación física, informática...); no segundo, están incluídos todos os mozos que fan prácticas nas empresas, e no terceiro, os que fan as súas prácticas nas empresas que logo os contratarán.
No Plan Galego de Inclusión Social, Pontevedra contará neste ano cun investimento de 200.000 euros para levar a cabo, ademais desas tres actuacións, outras iniciativas que xa se viñan desenvolvendo, como o programa Por un traballo digno, de Cáritas Interparroquial, ou o proxecto de apoio ao emprego e á familia da federación Aspace, dirixido a paralíticos cerebrais e patoloxías similares.
Chus Lago subliñou a necesidade que en Galicia temos de integrar a todas as iniciativas locais. «Para construír un sistema de benestar temos que construír un sistema de todos e para todos, onde todo o mundo teña o seu lugar e a súa cabida», manifestou.