A oposición municipal atopa no soldo do rexedor unha forma de presión que o alcalde asume con ironía e sorpresa
21 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O goberno local de Vilaboa agarda solucionar o conflito do soldo do alcalde antes do próximo pleno da semana que ven. Estes días van ser importantes sobre este polémico asunto.
-¿Está xa arranxado ou non?
-Non, aínda non está arranxado. Imos falar co Bloque esta semana e co PP tamén. Imos ter unha xuntanza con cada un e esperemos que antes do pleno da semana que ven teñamos todo acabado.
-¿Vostede de momento está cobrando?
-Non, nada desde o 16 de xuño. Non cobrei nin un euro.
-Perdoe a pregunta, entón ¿de que vive?
-Debo ser rico, de familia rica [risas].
-¿Non ten ningún tipo de soldo?
-Non, cero, e cando digo cero é iso, nada.
-Pero esa situación non se pode manter evidentemente.
-Non, pero os que temos amor pola política e todo iso... Pero sí, son pai de familia e loxicamente sen gañar un soldo ao fin de mes o paso mal.
-Isto é un exemplo do enfrontamento entre o PSOE e o BNG, que nin lle facilita o soldo ao alcalde.
-Bueno, é algo que non me gustaría estar no outro bando, pero xogar co pan de comer. Isto é política e parece que agora a política é xogar co pan de comer.
-E se non hai un acordo no pleno, ¿que fará?
-Non o sei, primeiro espero chegar a un acordo.
-¿Canto é o seu soldo?
-Pero si o alcalde de Vilaboa é o alcalde que menos gaña de todos os concellos con similares características, ou cun número de habitantes similar con respecto ao orzamento. Son 1.500 euros mensuais en catorce pagas. Pregunte por aí que alcalde gaña, ou mellor dito, gañaba ese diñeiro. [risas]
-E que vostede ten que ser rico. [risas].
-Si, son rico e de familia de ben. [risas]
-Así están as cousas, e vemos que o alcalde o toma con humor. Imos falar doutro asunto, o Concello pediu a anulación do proxecto da A-57 que ven de aprobar Fomento. ¿Tan gravoso é para Vilaboa?
-Ten o impacto necesario como para facer este requirimento a Fomento. O que si é certo é que vamos en liñas xerais non podemos estar en desacordo cun proxecto que vai mellorar as infraestruturas. O que é certo e que no seu trámite non admitiron ningunha das suxerenzas en melloras que presentamos e entendemos que deberían facelo.
-¿Que tipo de cambios?
-Substanciais, sobre todo o trazado. Hai dous aspectos importantes. O tema dos acuíferos. Cremos que o seu desprazamento cara a ladeira sería unha medida factible que melloraría unha serie de aspectos. E tamén está a indefinición dos accesos coa N-550, e sobre todo deberían poñer viadutos en lugar de grandes recheos. E son aspectos que os veciños e os seus representantes cremos que debemos protestar. Os veciños fixeron as súas alegacións e nós presentamos este requerimento porque temos argumentos dabondo.
-Parece que Fomento non está polo labor.
-En principio imos esperar porque presentamos o requerimento en tempo e forma. Loxicamente agardamos unha resposta.
-¿Hai moito malestar?
-Loxicamente, cando nos prexudican máis do que é debido nos sentimos ultraxados dalgún xeito. Imos pelexar para que se faga a estrada nas mellores condicións.
-Vilaboa está nun lugar no que sempre lles toca algo.
-Nós temos este problema de situación que nos fai que sempre que fan infraestruturas entre Pontevedra e Vigo nos tocan. O que si e certo é que temos que esixir o que deben darnos e nada máis.
-Vostedes apostan polo diálogo, pero se non hai modificación do proxecto, ¿que farán?
-Imos esperar á resposta e despois imos decidilo entre todos. Non podemos adiantarnos aos acontecementos. Esperemos que nos escoiten.