O Concello expón na Casa das Campás as conclusións do borrador do estudo de tráfico á espera de suxerencias
14 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A Casa das Campás acollerá a partir desta tarde unha iniciativa inédita na historia de Pontevedra: levar ata as últimas consecuencias a exposición pública dun documento oficial do Concello. Ás oito e media da tarde inaugurarase a mostra «Pontevedra, espazo público», que recolle en paneis as conclusións do estudo encargado polo goberno municipal -no anterior mandato- sobre «propostas de ordeación e tratamento dous espazos públicos urbáns», do que se encargou a empresa Inoga.
O documento, que foi polémico no seu día, será exposto ao público coa intención de que os cidadáns en xeral e as asociacións e colectivos veciñais poidan presentar suxestións ás conclusións do documento. Atendendo na medida do posible ás achegas que se reciban, o goberno local afrontará a elaboración do plan de tráfico que pactaron BNG e PSOE dentro do seu acordo de goberno.
A polémica ao redor deste documento veu dada polas críticas que recibiu o mesmo cando se fixo público a escasas semanas das eleccións municipais. Tanto o PP como o PSOE, que por entón xa era socio do BNG no goberno local, coincidiron en afirmar que se trataba dun documento elaborado para dar amparo ás decisións do concelleiro de Urbanismo, César Mosquera, sobre ordenación do tráfico, direccións, carrís únicos ou aparcadoiros, entre moitas outras cousas.
Onte, o propio Mosquera afirmou, na presentación oficial da exposición, que das conclusións daquel documento «só é responsable a empresa que o elaborou. Non houbo ningunha directriz municipal».
A mostra que inaugurará esta tarde o alcalde está dividida en sete apartados: actuacións urbáns futuras, tráfico de vehículos, tráfico peonil, tratamento do servizo público de autobús, tráfico pesado, tratamento das beiras do río Lérez e «zona 30».
A exposición, organizada a modo de paneis nos que se explica de xeito gráfico as conclusións do estudo de Inoga, estará complementada por cedés nos que se recolle toda a información en formato dixital. Eses discos serán entregados ás asociacións e colectivos interesados en facer aportacións ao documento.
A mostra na Casa das Campás permanecerá aberta ao público ata o próximo día 28, en horario de 11 a 13 e de 19 a 21 horas. A partir desa data, o documento seguirá exposto ao público nas dependencias municipais ata cumprir o mes de exposición pública que marca a lexislación para este tipo de asuntos.